A cidade de Narón acolle o vindeiro 8 de xullo unha nova edición, a cuarta, de Noites á fresca. Así o anunciou a concelleira en funcións de Festas e Turismo, Natalia Hermida, que avanzou que actuarán as formacións Caldo e Tesouro.
A edil naronesa recordou que se trata dunha proposta de carácter cultural “que se desenvolve cada ano nas inmediacións da magnolia centenaria de Xuvia, nun tramo do Camiño Inglés ao seu paso pola cidade, e cunhas propostas musicais en directo e de iluminación que contribúen a ofrecer uns concertos nun espazo único e dos máis representativos da cidade”.
A entrada aos concertos é de balde. Hermida indicou que unha das novidades é que este ano, a diferencia dos anteriores, concentráronse os concertos nun único día. O primeiro deles será o de Caldo, unha formación integrada por María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra), un trío que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través dos instrumentos.
Esta cita musical, con melodías tradicionais galegas e composicións propias, dará comezo ás 22.30 horas, e permitirá ao público coñecer o segundo álbum da formación, “Lugar A Ponte”, unha proposta íntima, moderna e potente.
O segundo concerto de Noites á fresca comezará ás 23.45 horas. Nese momento, a agrupación ourensá Tesouro, integrado por Carlos Rego (vocalista e guitarrista), Daniel Alonso (baixista) e Aser Álvarez (batería) presentará o seu novo proxecto, moi conmovedor.
Rego e Álvarez tiñan a banda Burgas Beat e no ano 2019 apostaron por crear unha nova agrupación, da que tamén formou parte Alonso.