O BNG urxe a Cultura a protección da ermida e o conxunto patrimonial de Santa Margarida do Val, en Narón

O deputado do BNG, Ramón Fernández trasladou ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez,  a necesidade de protexer  a ermida e o conxunto patrimonial de Santa Margarida do Val no concello de Narón ante o inminente risco de desprendemento dalgúns dos seus elementos.

O parlamentario do BNG explicou que  ademais da capela de Santa Margarida o lugar acolle  un cruceiro, e unha fonte semellante á de  de Santo André de Teixido, resultando  un  conxunto patrimonial histórico, artístico e etnográfico da máxima relevancia, que na actualidade presenta “estado lamentábel”, sobre todo no edificio da  ermida,  cuxa degradación impide a celebración  de actos litúrxicos no seu interior como era  habitual nas festas patronais.

A restauración da capela, ademais de ser unha urxencia para veciños e veciñas” afirmou o nacionalista, sería unha ocasión idónea  para “retirar definitivamente  elementos alleos á capela ” entre os que destacou  un cadro eléctrico e a  uralita do tellado, ademais de  “recuperar as tradicións e  a feira “ e dar a coñecer ás persoas da comarca e visitantes “a evolución  cultural a través das súas diferentes manifestacións así como a integración do  cristianismo en  tradicións e  lugares de culto anteriores”.

 Desde o BNG,  dixo,  Mon, «queremos preguntar se a Xunta de Galiza conta cun  plan para restaurar e poñer en valor esta ermida e o seu conxunto patrimonial«. Pola súa parte, o titular de Cultura eludiu anunciar algún compromiso sobre a reclamación do nacionalista e propuxo demandar a protección e recuperación do mencionado conxunto patrimonial á Deputación da Coruña.

Tras  a resposta do conselleiro, o deputado indicou  que a  Xunta subvenciona habitualmente, a través de convenios coas dioceses, “a restauración de igrexas e outros monumentos”, e lembrou  que a propia consellería  anunciou  unha nova partida para a concatedral de San Xiao, á que sumou a  Igrexa da Nosa Señora das Dores,  en Ferrol, e a igrexa de Santa Rita, en Xuvia, polo tanto, dixo, non é descabelado reclamar “o mesmo trato para a ermida de Santa Margarida do Val”.

O parlamentario do BNG advertiu que o actual estado da ermida “é preocupante” e pode ocasionar algún accidente no seu interior de aí a urxencia para protexer ás persoas que mostran interese polo  edificio.

O nacionalista convidou ao conselleiro a visitar o lugar e participar das  festas patronais que se van celebrar na primeira fin de semana de mes de xullo. Con motivo das festas, a Asociación  de veciños e veciñas do Val, Os irmandiños, e a Comisión de  festas de Sta. Margarida, “invítano a vostede a visitar a ermida e a parroquia, e de paso tamén á función, que teñen preparada”.

Para o deputado, a visita do conselleiro a ermida, a fonte e o cruceiro,  serviría para constatar, in situ, “o lamentable estado  no que se atopa a ermida, o cruceiro e a fonte” así como a necesidade da súa posta en valor e o potencial que posúe para divulgar  as orixes da nosa cultura, e impulsar outros  ámbitos relacionados co turismo e artesanía de madeira, ademais de recuperar  a feira que se celebraba até mediados do século pasado, concluíu.

A ermida de Santa Margarida

A súa portada, de estilo gótico-renacentista, foi construída por Fernando de Andrade e dona Inés de Castro e Lanzós, a comezos do século XVI. A mediados do século XVIII, a gran concorrencia de peregrinos, que transitaban polo camiño de Santiago do Noroeste, fixo necesario o emprego como albergue de dous das casas con que contaba a capela.

Como toda capela da Europa Atlántica, conta coa súa propia fonte milagrosa. Neste caso, está algo afastada do edificio principal, e unha escalinata conduce ata ela. Conta con dúas mamas baixo a cruz de San Juan de Xerusalén que a preside, cada unha cun labor ben distinto.

A da dereita, segundo a tradición, servía para curar problemas na vista. A esquerda, ten unha función máis concreta, pois cada 25 de xullo as mulleres lavábanse nela co fin de favorecer os bos partos e os fillos sans.

Tamén destaca, por outra banda, o cruceiro, fermoso e efectista, situado no medio do cruzamento de camiños. O Cristo, por desgaste, carece xa de pernas, pero unha hierática virxe acompáñao alén da cruz. Os veciños consideraban, antigamente, que Santa Margarita era quen rexía o clima, polo que un dos ritos para aplacala consistía en mollar a figura na fonte contigua, tras sacala en procesión.

 

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …