O Padroado da Cultura e a AVV «Os Irmandiños» do Val celebran os actos da Recreación da Lenda da Pena Molexa

A programación da Recreación da Lenda da Pena Molexa dará comezo mañá venres día 9, coa tradicional andaina solsticial. Así o anunciaron esta mañá a concelleira en funcións de Cultura, Olga Ameneiro, e a presidenta da Asociación veciñal “Os Irmandiños” do Val, Manoli Castro. O Concello de Narón  organiza un ano máis a convocatoria a través do Padroado da Cultura e en colaboración coa citada entidade veciñal.

A andaina solsticial dará comezo mañá ás 22.30 horas e partirá como cada ano do convento de Baltar, dende onde partirán os participantes ata a Pena Molexa portando fachos cos que iluminarán o percorrido. As actividades continuarán este sábado, día 10, cun roteiro cicloturista que partirá ás 11.00 horas das inmediacións do centro cívico social do Val.

O equipo de Educación Viaria de Narón colabora nesta iniciativa, aberta á participación da cidadanía en xeral e que non precisa de inscrición previa. A Ruta cicloturista, programada para dar a coñecer o patrimonio da parroquia do Val, discorrerá por zonas de castros, casas medievais e construcións eclesiásticas, como son no caso desta parroquia da cidade a igrexa de Santa Margarita ou o convento de Baltar. A duración do percorrido, cunha dificultade baixa, será dun máximo de dúas horas, tal e como indicaron dende a organización.
O acto central deste evento terá lugar o sábado 17 de xuño, xornada para a que se convocaron varias actividades. Ás 18.00 horas haberá unha sesión de xogos tradicionais e populares para que poidan desfrutar deles todas as persoas que acudan. A cita terá tamén un apartado gastronómico, cunha churrascada popular a partir das 20.00 horas e outro musical, cun concerto da formación “Treixadura” dende as 22.00 horas e música popular a cargo da Charanga Alxibeira a partir das 00.30 horas. Media hora antes, ás 00.00 horas, será a tradicional recreación da Lenda da fada da Pena Molexa, na que alumnado da Escola de Teatro de Narón representará a historia dunha moura que pola noite se convertiu en rocha, coincidindo co solsticio de verán.

Dende a AVV animaron á veciñanza a desfrutar desta programación, con propostas para persoas de todas as idades. Así mesmo, Olga Ameneiro valorou o traballo da Asociación de Veciños “Os Irmandiños” e a súa colaboración e a de todo o persoal que se implicará para seguir levando a cabo esta festividade, “unha das máis representativas da nosa cidade”.

Lea también

Narón pon en marcha tres iniciativas de reforzo educativo

As tres propostas, impulsadas polo Servizo Sociocomunitario Municipal, buscan fortalecer as competencias educativas e o …