O Concello de Narón súmase, xunto con outros concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a este “apagón” con motivo da celebración do Día Mundial do Medioambiente que neste ano céntrase na contaminación por plásticos.
O Concello a partir das 23.00 horas ata as 00.00 horas suspenderá a iluminación pública na Casa da Cultura e na rotonda de Freixeiro. A acción encádrase no proxecto europeo “People and Planet”, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático co fin de concienciar sobre o consumo de enerxía.
O proxecto “People and Planet: un destino común” ten como obxectivo concienciar ós mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable.
A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos.
O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.