Continuar avanzando na implantación da rede de saneamento e abastecemento na zona rural seguirá sendo unha prioridade para o equipo de Terra Galega. Así o asegurou a candidata da formación á Alcaldía de Narón , Marián Ferreiro, que tamén subliñou a importancia de seguir apostando por implementar medidas de eficiencia enerxética, traballando para eliminar a fenda dixital no rural e por faciltar a construción dunha residencia pública para as persoas maiores.
Os doce compromisos cos que a candidata de Terra Galega á alcaldía de Narón, Marián Ferreiro, se presenta aos comicios do vindeiro domingo, entre outras propostas e proxectos contemplados no seu programa electoral, presentáronse esta noite no acto electoral que a formación celebrou no local social de San Xiao. Ferreiro estivo acompañada por Manuel Ramos, candidato número 2 do seu equipo, e outros integrantes da formación.
Os compromisos específicos co rural van máis alá, tal e como asegurou Ferreiro, que explicou que “co fin de incrementar o asentamento de poboación nos núcleos rurais incrementaremos a superficie de solo nesas áreas agora que o permite a Lei do Solo, pasando de oito a dez millóns de metros cadrados”. As rutas de sendeirismo por entornos naturais, a aposta pola música tradicional galega e o fomento da actividade deportiva están tamén entre as prioridades de TEGA para o vindeiro mandato.
Na súa intervención ante as veciñas e veciños de San Xiao, Ferreiro repasou parte das actuacións levadas a cabo durante o mandato que está a piques de rematar, tanto na zona urbana como na rural. A candidata de TEGA destacou tamén as múltiples propostas coas que se presentan para continuar gobernando a cidade nos vindeiros catro anos “e facer posible que Narón siga sendo a cidade que todas e todos queremos, con estabilidade e con proxección de futuro”.
Terra Galega celebrará mañá venres ás 21.00 horas no Pazo da Cultura o acto de peche de campaña, unha convocatoria na que a candidata, Marián Ferreiro, estará acompañada polos integrantes da súa candidatura. No transcurso do acto, ademais de Ferreiro, intervirán o coordinador local do partido en Narón, Ibán Santalla, o secretario xeral do partido, Guillermo Sánchez Fojo, e a candidata número 3, Natalia Hermida.