Marián Ferreiro se compromete a reformar a praza da Constitución nun acto electoral en Santa Icía

O local social de Santa Icía, na Solaina, acolleu esta noite, a partir das 21.00 horas, o acto electoral de Terra Galega. A candidata, Marián Ferreiro, estivo acompañada por Guillermo Sánchez Fojo, José Oreona e Marta Novo, entre outros integrantes do equipo co que concorrerá aos comicios locais do vindeiro domingo. Na súa intervención Ferreiro avanzou ás veciñas e veciños que un dos compromisos do vindeiro mandato é executar a reforma da praza da Constitución, ubicada no barrio, e que será obxecto dunha importante remodelación, cun deseño acorde aos cambios que nos últimos meses está experimentando o barrio co avance das obras de humanización.

A esas últimas obras referiuse tamén a candidata de TEGA, que asegurou que se convertirán nun referente non só na cidade senón en Galicia, sobre a implantación dun modelo que permitirá dar un gran cambio a unha avenida, a da Solaina, na que os peatóns terán prioridade, con beirarrúas máis anchas e totalmente accesibles e espazos axardinados e para vehículos perfectamente delimitados. “As obras continúan avanzando segundo as previsións e unha vez rematadas permitirán continuar avanzando no plan director que temos deseñado para este barrio, a través do que queremos rexenerar a cidade, mellorando a calidade urbana, a actividade económica da zona e, por suposto, a calidade de vida de todas as persoas que residen aquí”, recalcou Ferreiro.

A maiores, a candidata de Terra Galega tamén avanzou outras propostas deseñadas para o barrio, como a ampliación do espazo e o servizo da ludoteca municipal. “A aposta pola conciliación da vida familiar e laboral seguirá sendo outra das nosas prioridades, polo que melloraremos estas instalacións municipais para que poidan beneficiarse das mesmas máis persoas”.

En canto á área de deportes, unha das actuacións previstas para o vindeiro mandato, tal e como avanzou Ferreiro, é a ampliación das bancadas do pavillón Campo da Serra. “Un dos nosos compromisos na área de deportes que inclúe tamén a creación con fondos propios de bolsas para deportistas ou actuacións de mellora na piscina municipal e outros equipamentos municipais”.

A parroquia de Xuvia acollerá mañá mércores ás 21.00 horas o seguinte acto de Terra Galega, e no que Marián Ferreiro estará acompañada por Ibán Santalla, entre outros integrantes da súa candidatura.

Lea también

Lucas Pérez convidado de luxo en Narón na entrega de diplomas do campus Xoán Ramos

A alcaldesa Marián Ferreiro e o edil de Deportes, Ibán Santalla, acompañaron o futbolista de …