A candidata de Terra Galega reafirmou no Val o compromiso da formación coas áreas de Cultura e Deporte

A candidata de Terra Galega á Alcaldía de Narón, Marián Ferreiro, reafirmou na tarde deste luns na parroquia do Val o compromiso da formación coas áreas da Cultura e do Deporte.
Acompañada polas integrantes seu equipo Mar Gómez, Lorena Barea e Ana Belén Rodríguez, realizou un repaso por algunhas das actuacións acometidas ao longo do último mandato, no que se melloraron equipamentos, se construíu un novo parque infantil en Vilacornelle e se ampliaron servizos como o de saneamento e abastecemento. “Queremos seguir apostando pola zona rural e nesa liña temos deseñado un completo programa para os vindeiros catro anos, con propostas pensadas para xente de toda a cidade e de todas as idades”, recalcou Ferreiro.

Diversificar a oferta de actividades en cultura e deporte e investir na mellora das instalacións existentes é un dos compromisos do equipo liderado por Marián Ferreiro para o vindeiro mandato. “Substituiremos o céspede artificial do campo do Val e queremos construír pola zona costeira, cun encanto especial, a primeira vía ferrata da cidade, para deste xeito diversificar a actual oferta deportiva”, asegurou. Así mesmo, en canto á área cultural, a candidata recalcou que “as celebracións tradicionais, como a recreación das Lendas da Pena Molexa, continuarán co noso apoio e compromiso de Terra Galega e seguiremos descentralizando as actividades culturais como viñemos facendo nos últimos anos para achegar a cultura a toda a cidadanía”.

Recordou Ferreiro ante a veciñanza do Val o compromiso de ampliar a superficie de solo rural, que pasará de oito a dez millóns de metros cadrados, o que permitirá construír en máis parcelas que actualmente. Un programa de recuperación de fontes e lavadoiros públicos, xornadas de formación en coidados básicos e específicos dirixidas ás familias con persoas dependentes e a implantación de medidas para eliminar a fenda dixital no rural estiveron tamén entre os compromisos avanzados á veciñanza do Val.

Actos deste martes

Terra Galega continuará este martes cos actos electorais do partido no local social de Santa Icía, ás 21.00 horas, xornada na que Marián Ferreiro estará acompañada por Guillermo Sánchez Fojo, José Oreona e Marta Novo, representantes na candidatura deste barrio da cidade.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …