Luis García Soto, coa obra «O labirinto da saudade», gañador do premio Ricardo Carvalho Calero

A obra “O labirinto da saudade”, de Luís García Soto (A Coruña, 1956), resultou gañadora do XIX Premio Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística e Creación Literaria, na modalidade de ensaio, convocado polo Concello de Ferrol en colaboración coa  Sociedade Cultural Medulio.

Así o anunciou o concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, despois de informar na Comisión de Cultura, Educación, Deportes e Turismo do fallo do xurado -as plicas foron abertas onte diante dos grupos políticos-. Así mesmo, o xurado decidiu outorgar un accésit á obra “Dos arquivos xeométricos de Rafael Dieste”. A xeometría como experiencia da realidade”, de Xosé Díaz Díaz -tamén na modalidade de ensaio-. A modalidade de Creación Literaria quedou novamente deserta.

O xurado

A obra gañadora foi elixida por unanimidade do xurado, o cal estivo composto por Carme Fernández-Pérez Sanjulián (profesora da UDC); Camilo Nogueira Román (enxeñeiro, economista e escritor); María Ángeles García Sumay (documentalista, escritora e tradutora); Montserrat Dopico González (xornalista) e Manuel Castelao Mexuto (gañador do XVIII Premio Ricardo Carvalho Calero).  O presidente do mesmo foi o edil de Cultura e como secretaria actuou Elia Rico Lagarón como representante de Medulio.Todos eles coincidiron en destacar  a calidade de “O labirinto da saudade”. Unha obra que cualificaron como “unha modélica aplicación do concepto de ensaio, afastado da investigación académica, cunha comprensión profunda do ensaio como xénero literario”. Así mesmo, valoraron que nela “tamén hai creación e produción de coñecemento, xa que o seu autor achega unha perspectiva diferente e orixinal sobre a materia tratada, unha materia tantas veces visitada como a saudade e que é capaz de deitar luz nova e moi inspiradora, subliñando unha dimensión colectiva e comunicativa de moito interese: o contexto solidario da saudade”.

O xurado considerou tamén que “O labirinto da saudade” presenta “rigor no tratamento dos autores analizados, resumidos con enorme brevidade sen os traizoar e reelaborados con potencia”. Ademais, valoraron o feito de ser “un traballo profundo e, ao mesmo tempo, leve, moi lexible”. “A construción é equilibrada e harmónica”, subliñou o xurado, destacando a existencia de “rigor filosófico e finura na abordaxe das producións estéticas”.

Currículo do gañador

Luís García Soto é licenciado en Dereito e en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutorouse en Filosofía por esta Universidade en 1986 e é doutor en Dereito pola Universidade Autónoma de Madrid. Desde 1989 é profesor titular de Filosofía Moral na Facultade de Filosofía da USC, da que é decano desde o ano 2005. Tamén é redactor e ponente do Código Ético da USC. Entre as súas publicacións figura “Outramente Barthes”, “Paz, guerra e violencia”, “Aristóteles”, “Nova enciclopedia de bioética”, “Paz, guerra y violencia” e “Teoría de la justicia e idea del derecho en Aristóteles”. A estes sumaranse a obra coa que vén de gañar o XIX Premio Premio Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística e Creación Literaria, que será pubicada na editorial Laiovento. Ademais desta publicación, levarase o premio de 3.700 euros recollido nas bases.

Un accésit

Respecto á obra “Dos arquivos xeométricos de Rafael Dieste”, do profesor de Educación Secundaria Xosé Díaz Díaz, o xurado decidiu otorgarlle un accésit a pesar de non estar recollida esta opción nas bases, ao considerar que se trata “dunha profunda e documentada pesquisa nunha dirección da obra de Rafael Dieste usualmente non atendida, entre as matemáticas e a ontoloxía, amosando a súa radical vinculación coa estética e a visión literaria do autor”.

Calidade das obras presentadas

Nesta XIX Premio Premio Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística e Creación Literaria presentárose un total de 9 traballos -6 na modaliade de ensaio e 3, na de narrativa-. A este respecto, a presidenta da Asociación Cultural Medulio, Elia Rico, destacou a “calidade das obras presentadas” e agradeceu ao Concello de Ferrol a súa colaboración na convocatoria deste premio, que o edil de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, cualificou como “o premio máis importante que ten a cidade de Ferrol en defensa da lingua galega e un dos máis importantes de Galicia”.

Así mesmo, Elia Rico agradeceu a “calidade humana, ética e moral e a alta formación do xurado”, subliñando ao mesmo tempo que “en Ferrol temos un tesouro que non apreciamos na súa medida: Ricardo Carvalho Calero, unha persoa cunha capacidade de traballo ímprova, unha persoa de referencia e un xenio”.

 

 

 

Lea también

O Ateneo Ferrolán proxecta o filme «Linda» dentro da programación 25N

Este venres dia 22 as 19.30h dentro da programación do 25N “Día contra a Violencia …