O Concello de Valdoviño abre inscricións este venres nas actividades da Escola de Música

A concelleira de Cultura, Rosana García, avanza o teatro musical como principal novidade da programación, que se levará a cabo en Sequeiro.

O Concello de Valdoviño abre este venres 24 de outubro o prazo de inscrición nas actividades da Escola de Música para o curso 2025-2026. Teatro musical é a principal novidade da programación, segundo avanzaba esta mañá a concelleira de Cultura, Rosana García. Súmase a piano, percusión, guitarra eléctrica e acústica e máis técnica vocal e canto. Iso si, para activar as clases é preciso reunir un número mínimo de participantes.

Como é habitual, na súa aposta pola descentralización xeográfica da acción cultural, a Escola de Música volverá ter a súa sede no local social de Sequeiro -na antiga escola unitaria da Carreira-. Os prezo tampouco varían, e o custe ao mes por persoa e actividade será de 10 euros.

Toda a programación está dirixida a nenos e nenas a partir de 6 anos (1o de Educación Primaria) e máis persoas adultas, e o trámite de reserva de praza poderá formalizarse presencialmente na casa da cultura ata o 31 de outubro (de luns a venres de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas -na Biblioteca-) ou a través da sede electrónica -neste caso, ata o 2 de novembro-.

Lea también

A Deputación da Coruña inicia en 2026 a construcción dun acceso directo a As Pontes desde a AG-64

O investimento, de 1,1 millóns de euros, xa está consignado nos Orzamentos 2026 e o …