A concelleira de Ensino e Bibliotecas do concello de Narón , Mercedes Taibo, anunciou que permanece aberto o prazo para inscribirse nunha actividade que, con motivo do Día das Letras Galegas, que se conmemorou éste mércores , se celebrará o sábado día 20 na Biblioteca. “Un día para as letras: homenaxe a Paco del Riego” é o título desta iniciativa, coa que se festexará o día grande das nosas letras con contos, ilustración e música en directo a cargo de “Polo correo do vento”. A convocatoria dará comezo ás 11.00 horas e diríxese a nenas e nenos con tres anos cumpridos e sen sancións pendentes no carné da rede de bibliotecas.
A compañía ofrecerá ao público infantil e familiar o seu espectáculo “Un día para as letras: homenaxe a Paco del Riego”, unha actividade que se basea no libro do que son autores e que está editado por Lela Edicións. A maiores de narrar oralmente a historia de Francisco Fernández del Riego, escritor lucense a quen se adicou este ano o Día das Letras Galegas, realizarase un obradoiro de debuxo paso a paso acompañado de música en directo.
As persoas interesadas poden inscribirse presencialmente na Biblioteca ou chamando por teléfono ao número 981 382 173. A actividade está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco do programa Ler conta moito.