Jorge Ulla, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Narón, presentou un conxunto de medidas encamiñadas a fomentar a conciliación e promover a natalidade no concello. Concretamente, o socialista propón establecer unha tarxeta benvida ás familias que acaben de ter un fillo ou filla, un servizo público de canguraxe ou a xestión pública do servizo de madrugadores.
“Son medidas que responden á ausencia de servizos de conciliación familiar no Concello de Narón, ao tempo que buscan reverter a perda de habitantes que Narón sufriu recentemente”, sinala Jorge Ulla.
O candidato socialista propón crear a «Tarxeta Benvida», un programa dirixido ás familias que acaban de ter un fillo/a, comezando en 2023 e con carácter retroactivo dende xaneiro. Esta tarxeta, compatible con outras axudas públicas, tería un importe destinado a gastos nos pequenos comercios. Deste xeito, brindaríase unha dobre axuda tanto ás familias como ao comercio local e de proximidade.
En liña co seu compromiso coa conciliación laboral e familiar, Jorge Ulla sinala que o Concello de Narón debe xestionar directamente o servizo de madrugadores, como xa fan outras administración locais. “Actualmente, esa tarefa asúmena as AMPAS, pero se o Concello se encargase de xestionalo, descargaría esta responsabilidade das asociacións de pais e nais, garantindo a súa dispoñibilidade en todos os centros”, propón o socialista.
Por último, o candidato do PSdeG-PSOE destacou a importancia de ofrecer alternativas de coidado e atención para os nenos fóra do horario escolar. Seguindo o exemplo doutros concellos, Jorge Ulla propón a creación dun servizo público de canguraxe.
“Seguindo outros proxectos en marcha, poderían habilitarse espazos e persoal para coidar aos nenos e nenas, como ludotecas. Tamén se ofrecería a opción de atención a domicilio para aquelas familias que requiren deste servizo”, puntualiza.
“Malia a gran cantidade de familias con nenos e nenas que viven en Narón, o Concello quedou rezagado en servizos para atender ás súas necesidades. É
fundamental que tomemos medidas concretas para fomentar a conciliación e promover a natalidade, ofrecendo ás familias as ferramentas necesarias para criar e educar aos seus fillos», conclúe Ulla.