O Concello de Narón conmemora do 22 ao 31 de maio a “II Semana da seguridade viaria”

O Concello de Narón  celebrará do 22 ao 31 de maio varios actos dirixidos a diferentes colectivos con motivo da “II Semana da seguridade viaria”. Así o anunciou o concelleiro responsable da área, Román Romero, que animou á cidadanía a inscribirse, de balde, nas propostas abertas ao público. “Queremos que todas as persoas que desexen mellorar a súa formación en seguridade viaria teñan a oportunidade de coñecer da man de profesionais unha serie de ferramentas e técnicas coas que afrontar determinadas situacións”, apuntou o edil.

Na primeira xornada comezará a desenvolverse un obradoiro para alumnado de centros de ensino de Narón. En diferentes ubicacións da cidade, do 22 ao 24 de maio e tamén o día 26 e do 29 ao 31, habilitaranse cinco espazos nos que o alumnado participará en varias propostas. O visionado dun vídeo sobre a prevención e seguridade no Concello, un obradoiro para aprender a facer trampas para a vespa velutina, outro obradoiro para coñecer e difundir a importancia de aplicar a conduta PAS (protexer, alertar e socorrer), a reanimaci6ón cardiopulmonar e a manobra de Heimlich e un terceiro obradoiro práctico de prevención e loita contra incendios forman parte desas accións.

O edil naronés explicou que cada día se levarán a cabo en dúas quendas, unha de 10.00 a 11.30 e outra de 11.30 a 13.00 horas, con medio cento de escolares en cada unha delas. A praza do colexio de Xuvia (días 22 e 23), a praza de Galicia (días 24, 25 e 26), a praza da Gándara (29 e 30) e o colexio do Feal (día 31) son os lugares onde se realizarán as actividades nas que participarán os colexios Piñeiros, Jorge Juan, Ponte de Xuvia, Nuestra Señora de Chamorro, Ayala, Virxe do Mar, A Solaina, A Gándara, Santiago Apóstol e O Feal.

Así mesmo, o día 24 haberá un obradoiro de seguridade infantil, que alcanza a súa quinta edición, e que terá lugar no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros de 17.00 a 19.00 horas. Poderán participar un máximo de 90 persoas, que deben anotarse a través do correo electrónico: alibebe@alibebe.es . Sistemas de retención infantil, conducta PAS, identificación e actuación en accidentes con bebés, prevención e condutas seguras… forman parte dos contidos desta actividade, organizada en colaboración con Ali Bebé. Os asistentes entrarán no sorteo dunha cadeira infantil para o coche.

O programa inclúe, do 24 ao 26 de maio, un obradoiro de primeiros auxilios, actuación e prevención antiincendios dirixido ao persoal funcionario do Concello, que se levará a cabo na praza de Galicia de 9.00 a 10.00 horas. Unha das actividades, sobre primeiros auxilios, actuación e prevención ante incendios, está programada para o día 25 de 11.00 a 11.30 horas. Nesta ocasión é unha proposta aberta á participación da cidadanía en xeral, que deberá anotarse na oficina de Educación Viaria de Narón, na planta de acceso ao Concello. Está limitado á participación de 50 persoas, que coñecerán a técnica PAS e outros conceptos básicos de primeiros auxilios.

O día 26 desenvolverase a terceira edición dun obradoiro teórico práctico de acompañante de transporte escolar no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros. A convocatoria terá lugar en horario de tarde, de 16.30 a 20.00 horas e diríxese a un máximo de 90 persoas, que deberán inscribirse a través da Sede Electrónica do Concello de Narón . A normativa actual, as funcións e obrigas dos acompañantes de transporte escolar, as actuacións en caso de emerxencia e un simulacro de emerxencia con autobús forman parte dos contidos que se abordarán nesta convocatoria, tal e como indicou Romero.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …