Jorge Ulla, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Narón, nunha nota de prensa » lamenta que o Goberno de Terra Galega dificulte o
inicio as obras de mellora do vial do Feal. O proxecto para ampliar e mellorar este vial foi proposto pola Deputación da Coruña en 2017, cun custo de 1,4 millóns de euros».
O candidato socialista visitou recentemente a zona co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. e ambos reuníronse coa directiva da Asociación de Veciños de Piñeiros.
«O proxecto da Deputación estaba listo para executarse, pero depende de que o Concello resolva unha serie de trámites. Este atraso nos trámites provocou que entre 2017 e 2023 o custo da obra ascendese a 2 millóns de euros, debido ao aumento dos prezos do material, claramente superior á cifra inicial”. “A falta de xestión de TEGA sáelle cara a Narón”, afirma o candidato socialista.
O cabeza de lista do PSdeG naronés apunta tamén que «a problemática é dobre, pois por unha banda non se executa unha obra necesaria para Narón e por outra están desperdiciando o apoio da Deputación da Coruña e provocando sobrecustos que pagará a cidadanía de Narón».
Resposta do concello
Pola súa parte ante a nota do candidato socialista o concelleiro de obras de Narón deu unha rápida resposta.
» O proxecto presentado para iniciar as obras de mellora da estrada do Feal, titularidade da Deputación da Coruña, non se axusta ao Plan Xeral de Ordenación Municipal. Coñecedores da situación, teñen a capacidade para facer as modificacións pertinentes a través dese proxecto da Dirección Xeral de Estradas, que ten que aprobar o Consello da Xunta e que permitiría executar as obras coa tramitación e a aprobación dun proxecto de Estradas conforme se establece na Lei de Estradas de Galicia coa exposición pública correspondente. Isto vincularía o proxecto ao planeamento municipal unha vez aprobado.
Nestes catro anos tiveron tempo suficiente para realizar ese proxecto que precisan para acometer a obra. Debido á deixadez da Deputación da Coruña continúa reservada unha partida no plan de investimentos da empresa Cosma para executar as obras de saneamento na zona, pendentes da execución das melloras no vial.
O Concello interesouse en todo momento, dende a presentación do proxecto, polo estado no que se atopaba, sen ver avances sobre o mesmo co fin de proceder a executar unha actuación proxectada pola Deputación no ano 2018″.