Moeche implícase na celebración do 17 de maio organizando varias actividades

O Día das Letras Galegas deste ano 2023 está dedicado ao intelectual Francisco Fernández del Riego (1913-2010), figura clave na historia de Galicia que foi parte do movemento cultural e político galeguista anterior ao golpe de estado do 36 e que despois, durante a ditadura e ata a súa morte, continuou desenvolvendo un importante activismo a través da cultura como membro da Real Academia Galega, impulsor do propio 17 de maio ou como fundador da editorial Galaxia.

As entidades de Moeche e o Concello prepararon varias propostas para renderlle tributo e, máis que nada, para celebraren a festa da nosa fala e da nosa cultura. Hai un pouco de todo: música, exposicións, teatro e mesmo unha viaxe a terras ourensás.

Do 12 ao 31 de maio, no castelo de Moeche: Exposición de cadros da AVCR Val de Moeche e mostra sobre o autor

Durante a segunda quincena deste mes maio poderemos ver no castelo unha escolma dos cadros feitos polo alumnado do curso de pintura organizado pola asociación veciñal do Val de Moeche. A exposición compartirá espazo cunha mostra organizada polo Concello coas obras de Fernández del Riego dispoñibles na Biblioteca Municipal tanto para préstamo como para consulta.

Desde o departamento de Cultura tamén se anima á veciñanza a descubrir a figura homenaxeada este ano co gallo das Letras Galegas a través da web da RAG e lendo a súa obra de grande valor, sobre todo a centrada na recuperación histórica da literatura galega, así como a doutras autoras e autores que escribiron sobre Don Paco e o seu legado cultural. 

Especialmente recomendable é a serie de vídeos publicados pola Real Academia Galega arredor das súas múltiples facetas, xunto co apartado Primavera das Letras, que ofrece unha chea de actividades para a rapazada.

Martes 16 de maio, 21:00h contorna do castelo: Foliada Irmandiña

A asociación organizadora do Irmandiño proponnos un adianto musical para a véspera das Letras. No serán do martes armaron unha foliada aberta a gaiteiras e gaiteiros, acordeonistas, percusionistas, pandereteiras e pandereteiros…e a quen queira vir pasar un serán moi entretido no que tamén se sorteará unha pandeireta conmemorativa. Ademais servirán racións de paella ao prezo de 7€. Se viñese mal tempo, o evento trasladarase co mesmo horario á Nave do Mercado.

Mércores 17 de maio: Excursión a Celanova e Allariz coa asociación do Val de Moeche e teatro coa AVV de Labacengos

O propio día das Letras Galegas, a AVCR Val de Moeche organiza unha excursión que sairá ás 7:30h con destino a Celanova, para asistir á Festa e Romaría da Raigame e visitar as casas de Curros Enríquez e de Celso Emilio Ferreiro. Pola tarde a expedición achegarase a Allariz para percorrer a vila e a exposición paisaxística das montaxes participantes no Festival Internacional de Xardíns.

Trátase dun certame único en todo o Estado que ocupa 40.000 metros cadrados das ribeiras do río Arnoia. Este ano participan 12 espazos que poderán visitarse desde este mes de maio até outubro.

Mentres, aquí en Moeche, a Asociación veciñal de Labacengos ofrecerá ás 17:00h no local do Ventoeiro a representación da obra «Nin o demo entende ás mulleres».

A peza é unha montaxe da Asociación Cultural e Teatral Pedroso que narra en clave de comedia lixeira a historia de Marina, unha moza que decide casar con Ramiriño a pesar dos consellos das súas irmás para que non o faga.

A protagonista cre firmemente que o seu matrimonio é para toda a vida, pero as circunstancias que rodean ao seu marido farán que se atope con serias dificultades que poñerán a proba ese amor tan firme. A función é con entrada gratuíta e ao seu remate serviranse uns petiscos. Por esta razón fai falla anotarse ata o 15 de maio no 606 729 038

Lea también

La Xunta destaca en Mañón la contribución del programa Leader para crear empleo en zonas rurales

La conselleira de Medio Rural, María José Gómez, ha destacado la contribución del programa Leader …