O BNG a través du comunicado afirma que «durante o pasado mes de abril os veciños de diferentes zonas de Ortigueira polas que pasan os ríos Mera e Baleo denunciaron o mal estado das súas augas e en algún caso mesmo mal olor»
«Dase a circunstancia de estarmos a falar de lugares que fan parte da Rede Natura 2000 no caso do río Mera, e de lugares que estiveron propostos para a súa ampliación, como é o caso do río Baleo, cando o goberno galego atendendo aos requirimentos da UE traballaba para a ampliación desta Rede»
«É dicir, estamos a falar de espazos naturais de grande valor e que deberan gozar dun grao de protección moi superior ao que actualmente teñen. Feitos como estes vertidos e a súa reiteración, proban esta desprotección, que ademais ten a agravante de ser susceptíbel de afectar á biodiversidade e á produción marisqueira da Ría de Ortigueira-Ladrido, actualmente en niveis de produción xa historicamente baixos»
«Os veciños non dubidan en sinalar o polígono industrial das Somozas no caso do mal estado das augas do río Mera, e á canteira do lugar de Lombao no Concello de Ortigueira no caso do río Baleo»
«Desde o BNG entendemos que a Xunta de Galiza, que ostenta en exclusiva as competencias tanto en protección do medio ambiente, e nomeadamente no control das augas, como en todo o relacionado coa produción marisqueira, debería exercelas con moita máis dilixencia, a comezar por determinar cal é a causa real destes vertidos e despois actuar para que non se volvan repetir»
«É por isto que o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate na comisión 2ª»:
“O Parlamento insta á Xunta de Galiza unha investigación exhaustiva para determinar a orixe da contaminación dos ríos Mera e Baleo, e tomar as medidas necesarias para que non se repitan”