O pasado 2 de maio foi o Día internacional contra o acoso escolar. Con motivo da conmemoración desta data a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a edill de Ensino, Mercedes Taibo, desprazáronse o venres día 5 ao CEIP da Gándara e ao IES As Telleiras para entregar os agasallos do concurso de cartelería dixital e do anuncio publicitario, respectivamente, convocados dende o Concello no marco do Programa de prevención do acoso escolar.
As actividades realizadas consistiron en gardar un minuto de silencio polas vítimas do acoso escolar e a entrega de pulseiras co lema
“Conéctate contra o acoso escolar”, ligadas ao catálogo de recursos contra o acoso escolar no Concello de Narón. Cada pulseira entregada ao alumnado e profesorado leva un código QR dende onde se pode ver un catálogo de recursos municipais na prevención e intervención fronte ao acoso escolar.
A maiores, Ferreiro e a edil de Ensino entregaron diplomas e os agasallos o alumnado de sexto de Primaria da Gándara por gañar o concurso de cartelería dixital para conmemorar o Día internacional contra o acoso escolar, unha cámara de fotos e unha película na que se aborda a problemática do bullying, “Wonders”. O alumnado de primeiro da ESO do IES As Telleiras obtivo eses mesmos agasallos e por obter o primeiro premio na modalidade do anuncio publicitario gravarán agora dun xeito máis profesional ese mesmo vídeo que visionaron hoxe no centro para difundilo en futuras iniciativas da citada campaña municipal contra o acoso.
Ás 9.00 horas leváronse a cabo os actos cos escolares do CEIP Ponte de Xuvia e o CPR Jorge Juan; ás 10.00 horas cos do CEIP Piñeiros; ás 11.00co do CPR Ayala, CEIP A Solaina e CEIP Virxe do Mar, ás 11.45 co do CEIP A Gándara e finalmente, ás 12.30 horas, co do IES As Telleiras.
A rexedora local explicou que este curso escolar están participando nos obradoiros de convivencia escolar e prevención do acoso escolar nove centros de ensino de Narón, os anteriormente citados e o CPR Jorge Juan, con alumnado de sexto de Primaria e primeiro de ESO. Os obradoiros inclúen sesións que se realizan tamén durante o curso escolar coas familias do alumnado e co profesorado dos centros de ensino, apuntou.
Ferreiro agradeceu a implicación de todo o alumnado que participa durante cada curso escolar nas actividades organizadas dende o Concello para loitar contra o acoso escolar, unha iniciativa na que a administración local naronesa é pioneira. “No ano 2017 ofertamos por primeira vez aos centros educativos de Narón a realización de obradoiros de convivencia escolar eprevención do acoso escolar, unhas propostas que xurdiron tras realizar un estudo sobre a situación do acoso escolar na nosa cidade”, recordou a alcaldesa.
A alcaldesa agradeceu tamén “a gran implicación do persoal docente, o alumnado e as familias para participar nestes obradoiros, nos que se aborda unha problemática moi importante e sobre a que temos que continuar traballando para erradicar esta lacra social que é o acoso escolar, que lamentablemente a día de hoxe sofren moitas nenas e nenos”.