José Fonte Sardiña
Un 29 de setembro de 1547, na festividade do arcanxo que lle dá nome, nacía en Alcalá de Henares Miguel de Cervantes Saavedra, talvez o maior xenio da literatura española, que, despois dunha azarosa vida, o 22 de abril de 1616 morría en Madrid e era inhumado, nun lugar descoñecido do convento das Trinitarias Descalzas desa cidade, naxornada seguinte.
A data do enterro de Cervantes foi declarada pola UNESCO en 1995 Día Internacional do Libro, por coincidir tamén co pasamento doutro xenio da literatura como William Shakespeare o 23 de abril dese mesmo ano 1616, malia que do calendario xuliano, que se correspondería no gregoriano, polo que nós nos rexemos, co 3 de maio (Placa que lle dedicou a Cervantes a Real Academia Española no convento madrileño das Trinitarias).
Así e todo, en Galicia celebramos tamén cada 23 de abril o aniversario da Batalla de Cacheiras, fundamental episodio idiosincrático, xermolo do Rexurdimento, na nosa historia. Conta Vicente Risco ―en castelán, e eu traduzo ao galego― que en Santiago de Compostela “xurdiu un grupo de literatos románticos que abre a chamada Era dos Precursores. Antolín Faraldo, Romero Ortiz, Neira de Mosquera, Ramón de la Sagra, etc., lanzan á rúa, entre 1840 e 1846, diversos xornais e revistas […] nos que se estudaban a historia e as antigüidades de Galicia, se propagaban o liberalismo e o romanticismo e comezaba a aparecer o sentimento rexional […], continuado despois por Añón, Vicetto, Murguía, Pondal e outros, todos eles de formación romántica. Antolín Faraldo foi o primeiro que levou a idea rexional á política” (tomado e traducido de Vicente Risco: “Manual de Historia de Galicia”, primeira edición Vigo, 1952, citado pola terceira de 1976, p. 237) (Busto de Antolín Faraldo en Betanzos).
Continúa Risco dicindo que “en 1846, gobernaba Istúriz cos moderados; o sistema tributario de Mon causaba desgusto en Galicia […]. O 1 de abril, o II Batallón do Rexemento de Zamora pronunciouse en Lugo, poñéndose á súa fronte o comandante do Estado Maior don Miguel Solís y Cuetos, ao berro de: Viva a liberdade, viva a raíña libre e constitucional e abaixo a camarilla do ditador Narváez e o sistema tributario” (Idem, p. 238) (Ilustración da Batalla de Cacheiras de Elsa Bouzas López).
Consonte o relato de Risco, “as tropas do Goberno mostráronse pouco combativas e Villalonga, impotente para dominar os sublevados, pediu reforzos a Madrid, de onde lle enviaron ao xeneral Concha […]. O día 15 reuníronse en Compostela os representantes das Xuntas de Vigo, Pontevedra e Santiago, e formaron unha Xunta Superior de Goberno de Galicia, cuxo secretario foi Faraldo. A Xunta dispuxo a supresión do sistema tributario […]. O día 20 conseguiron que se pronunciasen en Vigo os buques Nervión e Astuto. Case toda Galicia estaba no seu poder […]. Concha, o día 21 entrou en Santiago. Solís, confiado na chegada de Rubín, esperouno en Cacheiras e
presentoulle batalla o día 23. Rubín non apareceu e Concha arrasou a Solís e perseguiuno ata Santiago. Os rebeldes defendéronse con valentía” (Idem, p. 239 e 240) (Ilustración da Batalla de Cacheiras de Elsa Bouzas López).
Conta tamén Risco que “Solís non quixo fuxir e se entregou con 54 xefes e oficiais que, levados a Carral, foron xulgados por un tribunal militar que condenou a morte a Solís, Velasco, Dabán, Mariné, Ferrer e outros 7, que foron fusilados o día 26, no cemiterio de Paleo. Faraldo, Romero Ortiz, Añón e outros revolucionarios civís tiveron que expatriarse” (Idem, p. 240) (Ilustración da Batalla de Cacheiras de Elsa Bouzas López).
Otero Pedrayo tamén se refire á importancia deste episodio para a “curta revolución galega de 1846. Desde o primeiro instante, ben se viu que non era un pronunciamento máis. As descargas dos fusilamentos de Carral, ademais de matar en flor a vida dun puñado de heroes cabaleirescos, tronzaron por un tempo indefinido as posibilidades dunha reivindicación galega. Así e todo, o sacrificio non foi estéril: quedou unha conmoción xusticeira e a voz de Antolín Faraldo, voz civil e galega, aínda soa hoxe como un imperativo de conciencia que cumprir” (tomado e traducido de Ramón Otero Pedrayo: “Ensayo Histórico sobre la Cultura Gallega”, primeira edición Santiago de
Compostela, 1933, citado pola de La Voz de Galicia, A Coruña, 2004, p. 199) (Ilustración dos fusilamentos de Carral de Elsa Bouzas López).
O día 23 de abril de cada ano, gusto de achegarme desde a miña casa dos Tilos ao lugar da senlleira batalla para lembrar a efeméride. Pasado o cemiterio municipal, está ben pretiño o camiño que teño que tomar á dereita cara a unhas pistas forestais. Un novo desvío á destra lévame por unha longa e empinada congostra pola que deberon subir naquel abril de 1846 os carros cos canóns do combativo exército de Solís. A chorima, “tan amarela no monte”, en primavera, “ergueita, brava e ceibe, como os galegos deraza”, segundo a canción do Grupo Saraibas, é para min a imaxe da heroica resistencia dos mártires de Carral.
O cume de Montouto, onde un monólito e unha figura metálica dun soldado lembran aquela batalla, mostra no Nacente o Pico Sacro, no Mediodía a parroquia de Cacheiras e o Pico da Grela ―teito do Concello de Teo―, e no Setentrión a cidade de Santiago de Compostela; unha atalaia perfecta para que o comandante Solís vise chegar as tropas do xeneral Gutiérrez de la Concha.
A Pena Escorredía que alí atopo, chamada así porque por ela escorregaban, e aínda o seguen a facer, as xentes de Cacheiras, é considerada por algúns investigadores ―como Martín Almagro Gorbea― un lugar onde se practicaban desde a prehistoria antigos rituais de fertilidade.
Cun sentimento que é asemade unha mestura de orgullo, emoción, carraxe e señardade regreso á miña casa de Teo ―no escudo do Concello aparecen sobre a ponte dous sabres cruzados que evocan o tráxico combate― co arrepío de pisar aquel campo de batalla no que un 23 de abril, coma o de hoxe, de 1846 se escribiu unha páxina transcendental na Historia de Galicia.