O Concello de Narón abre o prazo de inscrición nunha acción formativa sobre Montaxe de andamios

O Concello de Narón  abrirá o xoves 20 de abril ás 8.30 horas, o prazo de inscrición nun curso de Montaxe de estadas multidireccionais (andamios). Así o anunciou a concelleira de Formación, Natalia Hermida, que avanzou que se ofertan un total de doce prazas e que o prazo de inscrición rematará o vindeiro 26 de abril ás 13.30 horas. Poden anotarse persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón no Rexistro municipal –de 8.30 a 13.00 horas-, na Sede Electrónica do Concello ou a través dalgún dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

A acción formativa terá unha duración total de 115 horas e impartirase do 4 de maio ao 7 de xuño nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 horas, agás os días 4, 5, 9 e 10 de maio, que será de 8.30 a 14.30 horas, e o 11 e 12 de maio de 9.00 a 13.00. Dende o Consistorio recórdase que se trata dunha acción formativa cun elevado grao de inserción laboral.

Entre os contidos están os da formación teórica e práctica de montaxe e desmontaxe de estadas multidireccionais (plan de montaxe, tipos de estadas e a súa utilización, actividades necesarias para asegurar a estabilidade e solidez das estadas, condicións de carga admisible…). A maiores, tamén se impartirá formación en materia de prevención de riscos laborais, traballos en altura e en espazos confinados, rescate en altura e primeiros auxilios, manexo de DESA e módulos transversais de orientación laboral, emprendemento e igualdade de xénero.

As persoas que desexen recibir máis información sobre estas accións formativas poden facelo a través da Sede Electrónica de Narón ou do Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello ou a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).

Lea también

Piden 24 años de prisión por abuso y agresión sexual a la hija de su pareja, en Narón

La Fiscalía solicita penas que suman 24 años de prisión para un hombre acusado de …