Dúas imaxes e un paso procesional dos tempos de Rajoy na Semana Santa eumesa

José Fonte Sardiña

Conta Couceiro Freijomil que xa no primeiro cuarto do século XVII se celebraban procesións na Semana Santa de Pontedeume ―eu tiven a grande honra de ser en 2016 o seu primeiro pregoeiro― e cita un acordo municipal do 25 de febreiro de 1630 no que se dispón que nas que se fan o día de Xoves Santo e que saen da igrexa de Santiago “se saque un Cristo que vaia no medio da procesión, de diante de S. E., que o leve o rexedor máis antigo e que o alumen e o acompañen dous dos ditos rexedores, e que isto se garde e observe así este ano como para adiante, tan e mentres se procura sacar facer algunhas insignias que vaian na dita procesión, por non ir tan soa e falta de insignias e de imaxes que a adornen e que saia coa decencia que convén e así mesmo se faga un Cristo resucitado para a mañá da Resurrección” (Antonio Couceiro Freijomil: “Historia de Pontedeume e a súa comarca”, primeira edición 1944, citado pola cuarta, en galego, Pontedeume, 1995, p. 361).

Malia que en 1643 se funda en Pontedeume a Confraría da Soidade da Virxe, en cuxas constitucións “se estipula que o día de Venres Santo de cada ano, ás tres da tarde, acudisen todos os confrades á parroquial para ir na procesión da Soidade, cuxo itinerario debía ser o mesmo que se seguía na de Xoves Santo que de tempo atrás viña celebrándose” (tomado e traducido de Carlos de Castro Álvarez e Juan Carlos Vázquez Arias: “La iglesia de Santiago de Pontedeume. Historia y patrimonio artístico”, A Coruña, 2003, p. 111), o certo é que o nomeamento do eumés Bartolomé Rajoy y Losada (1751-1772) como arcebispo de Santiago de Compostela supuxo un punto de inflexión para a vila dos Andrade ―cuxo templo parroquial foi mandado reedificar por el― e tamén para a súa Semana Santa (Retrato de Rajoy co gallo da reedificación da igrexa parroquial eumesa en 1763 e escudo arcebispal na súa casa en Pontedeume).

A Congregación dos Escravos de Santa María das Dores de Pontedeume, actual Confraría de Dolores, fúndase en xullo de 1765, malia que non é legalizada ata o 10 de setembro desde mesmo ano. O 21 de marzo de 1766 o arcebispo Rajoy aproba as súas constitucións, que no seu artigo 16 lle encomendan organizar as procesións de Semana Santa e adquirir as imaxes precisas. Consonte nos din Carlos de Castro Álvarez e Juan Carlos Vázquez Arias, na reunión de 6 de xuño de 1771, os confrades, vendo que se precisaba un Paso do Nazareno, xa que o moi prestixioso mestre Gambino de Santiago “ofrece facelo con todas as figuras, andas, xogos e encarnacións en dous mil trescentos reais, acordaron que o encargue [o prior Gaspar de Maldonado] e que faga que se traia coa maior brevidade” (Idem, p. 113). En novembro dese mesmo ano constátase que “se están a rematar as efixies e figuras do devandito paso e que por el xa lle entregaran ao mestre Gambino que o fai mil douscentos reais” (Ibidem) (Foto de Lola Fornos Ríos).

Preside o conxunto, que desfila aínda hoxe na madrugada do Venres Santo na procesión do Encontro ―os músicos de Charamela acompáñano coa melodía do Paso, considerado como o verdadeiro himno patrio dos eumeses―, a imaxe do Nazareno coa cruz ás costas, ataviado cunha suntuosa túnica negra, con ricos adornos dourados, que lle cobre os pés. O rostro de Cristo mostra dor, cansazo, sufrimento e, así e todo, serenidade. A longa melena do Redentor vai cinguida pola coroa de espiño que di ben ás claras que o seu reino non é deste mundo. Suxeita coas dúas mans e a pouca forza que lle vai quedando a pesada cruz pintada de verde na que será sacrificado.

Conta coa axuda de Simón de Cirene, que agarra, detrás del, a parte de abaixo do madeiro e leva a perna esquerda lixeiramente adiantada, por soportar mellor o peso que ten que cargar.

Á dereita de Cristo aparece o soldado romano, co casco prateado na cabeza, representante da oligarquía que si é deste mundo, como anuncian as iniciais gravadas no emblema que colga da súa trompeta, SPQR ―Senatus populusque romanus―. Fai soar con forza o seu instrumento dourado que porta na súa man dereita, polo que ten as fazulas lixeiramente inchadas, e comunícalle á xente que o reo que alí vai será sacrificado.

Á esquerda do Nazareno disponse a imaxe do coñecido na vila como o Xudeu da Moca, que golpea sen piedade, coa porra que agarra coa man dereita, o laiado corpo de Xesús, ao que leva preso dun cordón dourado rematado en dúas grandes borlas.

A Virxe das Dores, talvez a imaxe máis querida polos eumeses, foi mercada pola Confraría na Cidade de México en 1770 por mil cincocentos reais. O seu finísimo rostro  mostra a tristura e tenrura que unha nai pode sentir cando ve o martirio do seu fillo. As súas mans abertas e estendidas á altura do peito e os delicados dedos mostran a dolorosa aceptación da vontade de Deus. Leva espetada, á altura do corazón, a daga da súa terrible dor, co fío prateado e o puño áureo, que, co mexer dos levadores, semella que se lle vai cravando cada vez máis fondamente. Nas procesións do Venres de Dolores, do Xoves Santo e do Encontro na madrugada do Venres Santo cobre a cabeza cunha áurea coroa ou diadema sobre un manto escuro con incrustacións douradas e, debaixo del,
leva unha túnica da mesma feitura; tapa o seu peito cun branco lenzo de fino encaixe.

Na procesión do Santo Enterro, de loito rigoroso, acompaña o corpo do Fillo morto que vai nunha furna dourada, e leva aínda a coroa áurea que alude á súa santidade.

Logo, na procesión da Soidade, a máis concorrida de todas as que se celebran en Pontedeume, porta as mesmas vestiduras negras pero xa non a coroa, como mostra de respecto ao santo dos santos que foi enterrado e resucitará ao terceiro día.

O Cristo de Ánimas sae no Viacrucis do Xoves Santo, na chamada procesión dos Mariñeiros, na que se canta con emoción a “Salve Marinera” na ribeira en recordo da xente do mar que nos deixou. Foi mandado facer tamén sendo o eumés Bartolomé

Rajoy arcebispo de Santiago de Compostela. Segundo Carlos de Castro Álvarez e Juan Carlos Vázquez Arias “a tentación de atribuír esta magnífica talla […] a Ferreiro [xunto con Gambino, que fixo o paso do Nazareno para a Confraría de Dolores de Pontedeume, os dous mellores escultores composteláns daqueles tempos] é difícil de resistir.

Comecemos dicindo que, fronte ás dúbidas, hai un dato irrefutable: é anterior a 1771, ano en que, consonte a visita realizada [por don Juan Varela Fondevilla], o retablo estaba sen pintar e xa contiña o Cristo. A talla non pode ser moi anterior a este ano e indiscutiblemente non parece que esteamos ante un mestre local nun momento no que as relacións cos círculos de Compostela son intensas […]. O contacto con estes círculos xustificaríase só polo feito de que un notable fillo de Pontedeume era daquela arcebispo de Santiago, pero hai máis: a actividade despregada polo licenciado Tomás Moreira e Montenegro, sobriño de Rajoy, cura de Pontedeume no momento da reedificación da igrexa e posteriormente cóengo de Santiago […]. A boa sintonía de Gambino e Ferreiro con don Tomás Moreira é evidente” (Idem, p. 82).

Cristo disponse xa morto na cruz, á que se suxeita con tres cravos. O pé destro, como é preceptivo, monta sobre o esquerdo. A cabeza está levemente inclinada do lado dereito, e o seu corpo, no que se mostran as feridas da flaxelación e as chagas nos xeonllos por mor das caídas subindo ao Calvario, só aparece cuberto por un pano de pureza anoado tamén á súa dereita. O barroquismo da imaxe acentúa as mostras de piedade que a paixón e morte de Xesús espertan no que o contempla.

Hai xa trinta e cinco anos, á volta da procesión do Encontro, o día 1 de abril, vin morrer a unha das persoas para min máis queridas, na peor Semana Santa que recordo na vida, a nosa avoa Jesusa Barral, a muller máis boa que coñecín. Vaia para ela a miña lembranza e o meu agradecemento eterno por todo o que me quixo e me aprendeu.

Lea también

Fernando García Cadiñanos, premio Galicia Ártabra 23-24 de «entrega a los demás

José Carlos Enríquez Díaz Con motivo del decimotercer aniversario de la fundación del periódico digital …