A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a delegada na comarca da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), Maite Martínez, presentaron este luns 3 de abril no Concello unha nova edición do programa “Vacacións en Paz”. As familias que desexen participar neste programa poden anotarse durante este mes de abril ou solicitar máis información escribindo un correo electrónico á dirección: concellerias@naron.es ou contactando co Servizo Sociocomunitario municipal, no primeiro andar do Concello de Narón.
A través deste programa pasarán o verán na cidade menores de entre 8 e 12 anos que residen nos campamentos de refuxiados saharauis de Tinduf (Arxelia). Os menores chegarán en xuño a Narón, segundo as previsións actuais, e regresarán de novo coas súas familias en setembro. Maite Martínez valorou a colaboración do Concello naronés, que leva máis de vinte e seis anos participando no programa “Vacacións en Paz” e animou ás familias a informarse sobre este programa e participar no mesmo.
A estancia no municipio permitiralles evitar as elevadas temperaturas que se rexistran nos meses de xullo e agosto nos campamentos de Arxelia, podendo alcanzar os 50 graos e tamén realizar unha serie de revisións médicas.