O BNG traslada ó Parlamento os problemas do centro de saúde do Val

O consultorio do Val, no Concello de Narón, é un dos centros de saúde periféricos deste concello e atende ós veciños das parroquias do Val, San Mateo e Castro, que suman unha poboación de 3.500 persoas.

Trátase dun centro que conta con dúas prazas de médico, mais desde o  ano 2020 é moi habitual atopar apenas 1 atendendo o servizo.

Segundo o deputado do BNG, Mon Fernández ”o motivo é que non sempre se cobren as baixas dos médicos, e cando isto acontece a solución pasa por dividir o tempo do médico presente ó 50% para atender o seu cupo e o cupo do compañeiro que falta” engadindo que “esporadicamente tamén ten acontecido non haber médico ningún no Consultorio, derivando, nestes casos, ás persoas doentes a o consultorio de Pedroso, outro centro periférico do Concello de Narón”

«Este centro de Pedroso, pola situación xeográfica das parroquias de referencia, O Val, San Mateo e Castro, non é o máis próximo para todas as persoas senón que moitas delas terían máis accesíbel o novo centro de saúde do Concello»

Ao respecto da situación, o deputado nacionalista sinala que “en todo caso, a non cobertura das baixas dos médicos do Val significa atraso e demoras nas consultas, co prexuízo evidente e coñecido que implica unha atención primaria infradotada para todo o sistema de saúde pública, en canto que porta de entrada ó sistema, mais tamén para o seguimento e control das patoloxías crónicas”

É por isto que o Grupo parlamentar do BNG, por medio do deputado Mon Fernández, ven de presentar a seguinte Proposición non de lei:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta a cubrir coa máxima dilixencia as baixas do persoal sanitario do centro de saúde do Val, no Concello de Narón, garantindo a presencia continuada e efectiva dos dous profesionais médicos que ten asignados”

Lea también

Intervención dos bombeiros de Narón por un vehículo ardendo

Os bombeiros de Narón realizaron na tarde de onte mércores unha intervención na rúa Somozas, …