A concelleira de Turismo acompañou ao artista no acto de presentación. “Organismo Vivo” permanecerá aberta ao público ata o 1 de outubro.
O Museo CIMIX de Narón acolleu este venres a inauguración de “Organismo Vivo (Cartografía dunha conciencia en transformación)”, a primeira exposición antolóxica do artista Søjē Polcæm. A mostra, que reúne poesía, fotografía, videocreación, reflexión filosófica e experimentación visual, poderá visitarse de balde ata o 1 de outubro. Ao acto de presentación da mostra asistiron a concelleira de Turismo, Natalia Hermida; o sobriño do artista, Sergio González Couce; e o seu amigo Miguel Ángel García Arribe.
Durante a súa intervención, Søjē Polcæm afondou no sentido persoal da mostra: “A miña obra fálame de min mesmo (…) Ser artista é para min o menos importante; o máis importante é ser persoa”. O artista reivindicou tamén o papel da creación fronte á dureza da realidade: “A poesía é filosofía en versos, é pensamento en familia (…) A arte é un dos poucos recursos que temos os seres humanos para evitar caer no patético, na crúa realidade, e refuxiarnos no poético, na creación”.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, destacou o papel do espazo expositivo: “Cando recuperamos este muíño, concibímolo pensando nisto: que dese cabida a distintas representacións artísticas de forma que fose un punto de encontro na comunidade e que sempre estivese vivo e dinámico. Creo que esta mostra é unha proba de que se conseguiu este obxectivo”.
Máis que unha retrospectiva ordenada cronoloxicamente, “Organismo Vivo” propón un percorrido pola conciencia do artista entendida como un territorio en permanente transformación. Cada obra, poema, imaxe e videopoema forma parte dunha mesma arquitectura en movemento, arredor de preguntas como que é un ser humano, como se constrúe unha identidade ou que lugar ocupa a arte nunha época marcada pola aceleración tecnolóxica.
A elección do CIMIX, antigo muíño onde materia, técnica e tempo permanecen inscritos nos propios muros, reforza esa idea da arte como ferramenta capaz de transformar experiencia en símbolo e memoria en forma. Søjē Polcæm naceu en Ferrol en 1966 e criouse no barrio de San Pablo, nunha familia de clase traballadora. Formado en Delineación Industrial, iniciou a súa vida laboral aos 16 anos como carpinteiro de dique e gradas na antiga Bazán, hoxe Navantia, onde desenvolveu ademais unha ampla traxectoria sindical en CCOO ao longo de varias décadas.
Paralelamente cultivou, de xeito autodidacta, a filosofía e a poesía, ata que en 2022 adoptou o nome artístico de Søjē Polcæm e puxo en marcha o proxecto dixital “O Mundo Segundo Søjē Polcæm”. Realizou a súa primeira exposición en 2024 na galería DGD de Mallorca e, un ano despois, unha obra súa foi incluída nun catálogo de Magna Art Auctions xunto a pezas de Velázquez, Goya, Picasso e Dalí.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.




