O goberno de Narón aprobou unha modificación de crédito de 2,46 millóns

Os edís de Terra Galega e PSOE aprobaron na sesión plenaria celebrada no Concello na tarde do xoves 30 de marzo  unha modificación de crédito por importe de 2,46 millóns de euros que se destinarán a diversas obras e eventos a levar a cabo no municipio este ano, e en cuxa votación se abstiveron os representantes do PP e BNG.

O concelleiro de Facenda, Román Romero, explicou que entre as actuacións proxectadas con cargo a esta partida sufragaranse os estacionamentos de proximidade da Gándara e Piñeiros, realizaranse obras para unha rúa de nova apertura perpendicular á San Carlos e outra na estrada de Castela, habilitarase o parque fluvial de Xuvia, construirase unha pérgola e remodelarase o parque 23 de novembro, instalarase un sistema de monitorización das entradas e saídas do polígono de Río do Pozo, ampliarase a rede de saneamento na estrada do Trece (no Camiño do Apeadeiro, en Ferrerías) e urbanizarase a rúa Camiño do Peregrino. Ademais, contémplase a reposición de caucho en varios parques do termo municipal, o mantemento de servizos e seguridade viaria na zona urbana, acometeranse novas melloras de accesibilidade e acondicionamentos de beirarrúas.

Así mesmo, tamén con cargo ao mesmo modificado levaranse a cabo actuacións de reparación e mantemento de vías públicas, desenvolverase eventos de carácter lúdico e festivo, actividades de conciliación familiar, de promoción turística e festas gastronómicas. Na sesión plenaria aprobouse provisionalmente a modificación das ordenanzas reguladoras das taxas por recollida de refugallos sólidos urbanos e pola expedición de documentos administrativos. En canto á primeira, Romero explicou que o incremento da bonificación de Sogama, que pasou do 10% ao 15% repercutirá directamente nos recibos que abonan as veciñas e veciños de Narón a partir do terceiro trimestre de ano. A maiores, en canto á expedición de documentos administrativos, cos cambios na ordenanza adecuarase á Lei do Solo de Galicia e para obter a primeira ocupación dunha vivenda nova axilizaranse os trámites, podendo facelo cunha comunicación previa e o pago dunha autoliquidación, tal e como apuntou o concelleiro de Facenda.

Á sesión plenaria leváronse dúas declaracións institucionais. Unha delas en defensa dun servizo postal público de calidade en Narón, no que traballan 17 persoas para cubrir diariamente 21 zonas de reparto, ao non cubrirse as baixas dos últimos anos por xubilacións de persoal. A falta de persoal, segundo denuncian, leva a unha sobrecarga no resto do persoal de Correos e ao incumprimento nos prazos de entrega da correspondencia, sendo as áreas de Xuvia, Piñeiros, Freixeiro e o Alto as máis afectadas. Dende o Concello apóianse as reivindicacións do colectivo e ínstase á empresa pública Correos a manter o persoal necesario para cubrir as súas obrigas diarias de reparto de correspondencia en todo o termo municipal e a ampliar o plantel asignado á cidade.

A través da segunda declaración institucional a corporación amosou o respaldo unánime ás traballadoras e traballadores do almacén de distribución de Lidl en Río do Pozo, que leva en folga indefinida dende o 14 de febreiro. Os grupos políticos da corporación local instan á Xunta a protexer os dereitos fundamentais do persoal en folga e sancionar o incumprimento do convenio colectivo de aplicación e tamén a promover unha saída negociadora ao conflito a través do Consello Galego de Relacións Laborais.

No apartado de mocións aprobouse una presentada polo PP en relación aos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo e outra do BNG sobre a denuncia de deportación da eurodeputada Ana Miranda de Israel.

Lea también

Narón conmemora o Día Internacional do Libro cun “Pequeno obradoiro literario”

Os nenos interesados en participar no Pequeno obradoiro literario organizado na Biblioteca municipal de Narón poderán …