O Club de Pesca Dream Team e asociación Acougo súmanse ó tecido asociativo de Narón

A concelleira de Participación Cidadá, Olga Ameneiro, presidiu un encontro na Casa da Cultura para dar a coñecer as entidades rexistradas no primeiro semestre de 2026.
 
 
A Escola de Participación Cidadá do Concello de Narón celebrou na Casa da Cultura un encontro dirixido ás entidades de nova creación ou de recente inscrición no municipio. A cita serviu para dar a benvida formal a dúas asociacións: o Club de Pesca Dream Team Narón e Acougo, Asociación Galega de Familias de Acollida, ambas as dúas inscritas no rexistro municipal durante o primeiro semestre de 2026.
 
A concelleira de Participación Cidadá, Olga Ameneiro, foi a encargada de recibir ás entidades e de trasladarlles o compromiso do Concello coa súa integración no tecido asociativo local. O obxectivo desta xornada é dobre. Por unha unha banda, dar a coñecer ao conxunto da veciñanza as novas entidades do municipio; pola outra, favorecer os lazos entre o Concello e as asociacións, e poñer en valor o traballo de todas aquelas persoas que deciden organizarse para levar adiante proxectos colectivos.
 
O Club de Pesca Dream Team Narón nace co obxectivo de fomentar a práctica da pesca con caña entre as súas persoas asociadas, nas súas diversas modalidades, e de promover a participación en competicións oficiais da Federación Galega de Pesca e Casting. A entidade, con sede na Estrada de Castela, ten xa deseñado un programa de actividades para 2026 que inclúe catorce citas ao longo do ano, entre sociais, campionatos provinciais e galegos.
 
Pola súa banda, Acougo, Asociación Galega de Familias de Acollida, con sede en Santiago de Compostela e ámbito de actuación en toda Galicia, ten como fin principal representar e apoiar as familias acolledoras e defender os dereitos das persoas menores de idade que se atopan no sistema de protección público.
 
Entre os seus programas para 2026 figuran iniciativas de sensibilización e formación sobre o acollemento familiar, apoio psicosocial integral ás familias acolledoras, un programa de voluntariado de familias referentes e actividades de intelixencia emocional para nenos, nenas e adolescentes tutelados.
 
Dende a Escola de Participación Cidadá salientaron a importancia de seguir tecendo espazos de encontro coma este, que permiten compartir inquedanzas, crear vínculos e celebrar os impulsos colectivos das persoas e entidades que se organizan en prol da comunidade.

Lea también

O Pleno de Narón aproba destinar 1,64 millóns de euros a oito actuacións de mellora no municipio

A segunda fase do POS+ Adicional 2/2026 dedicarase a realizar obras de accesibilidade, saneamento, pavimentación, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *