Exito de público nas primeiras visitas guiadas ao muíño de Xuvia.

O muíño de Xuvia acolleu na tarde do domingo 26 de marzo  as primeiras visitas guiadas abertas á cidadanía. Máis dun centenar de persoas participaron na primeira hora de apertura dun percorrido por unha das xoias do patrimonio do Concello de Narón, recentemente rehabilitada. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, participou tamén nesta xornada, e valorou o éxito de acollida que están tendo entre as veciñas e veciños estas visitas. As persoas que o desexen poderán tamén acudir mañá durante todo o día, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00, e tamén a vindeira fin de semana, os días 1 e 2 de abril de 16.30 a 20.30 horas.

“Moita xente estábanos pedindo visitalo e outros preguntaban cando íamos abrilo, polo que consideramos que unha vez reamatado o proxecto de rehabilitación, que supuxo un desembolso de 1,25 millóns de euros, era o momento de abrilo uns días, antes de iniciar a musealización interior, que suporá outros 240.000 euros, para que se achegasen as persoas que quixesen facelo”, explicou Ferreiro. A sensación que trasladaron os visitantes desta tarde sobre o traballo realizado foi moi positiva en canto ao resultado final dos traballos acometidos nesta construción do século XVIII.

Guías especializadas en turismo encargáronse de percorrer cos grupos, dous simultaneamente, o interior da edificación e explicarlles boa parte da historia do muíño, ata onde chegaron no século XVIII un grupo de intelectuais franceses que o puxeron en marcha, a familia Lestache e tamén os Bucau, colocando a Narón no mapa das rutas comerciais de fariña, que era exportada a medio mundo dende Xuvia. A recepción, con mapas ilustrados, mapas antigos e un gran mural; unha sala introdutoria, a Sala Lestache, outra polivalente para exposicións, a Sala dos Muíños, coa Sala Bucau e a da Cultura industrial…. formarán parte do resultado final dos traballos, unha vez musealizada a construción. Os visitantes coñeceron da man das guías de turismo a historia do muíño de Xuvia, as diferentes estancias que integran a construción e tamén o proxecto de musealización e tiveron a oportunidade de visionar un vídeo no que se aprecia o gran cambio que experimentou dende o inicio das obras.

“É un orgullo ver o resultado final e tamén como a xente aprecia o traballo realizado nos últimos meses para rehabilitar este muíño” asegurou Ferreiro, que animou ás veciñas e veciños a achegarse  para poder ver o interior da edificación. A actuación realizada no muíño, que supuxo un desembolso de 1, 25 millóns de euros, está cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

Lea también

Herida una animadora del tren navideño de Narón al caer del vehículo en marcha

La joven, que realizaba labores de animación caracterizada como «elfa», fue trasladada a un centro …