Elevada participación veciñal na conferencia “Que ten que ver a comida coa saúde mental?”

O Centro Cívico Social do Alto acolleu este sábado 25 de marzo, unha nova conferencia do programa municipal sobre Prevención da depresión e mellora da saúde mental. A alcaldesa de Narón , Marián Ferreiro, e a concelleira responsable do Servizo Sociocomunitario, Mercedes Taibo, participaron na convocatoria, na que a dietista e nutricionista experta en nutrición clínica Almudena López e a psiconeuroinmunóloga e nutricionista deportiva Esther Otero falaron sobre “Que ten que ver a comida coa saúde mental”.

Numerosas persoas achegáronse á conferencia, que deu comezo ás 11.00 da maña e se prolongou durante unhas dúas horas. A maiores das explicacións realizadas sobre a alimentación (micronutrintes, as funcións e as consecuencias do déficit de determinadas vitaminas…) a conferencia incluíu unha parte práctica na que os participantes tiveron a oportunidade de decidir os mellores alimentos, ou os que habitualmente consumían no almorzo, a comida e a cea. Unha vez elixidos, as dúas nutricionistas encargáronse de valorar o resultado e ofrecer unha serie de consellos sobre alimentación saudable eincidir na súa importancia sobre a saúde, física e mental.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, asegurou que se tratou dunha xornada “moi amena, na que as dúas profesionais ofreceron unhas pautas moi interesantes sobre alimentación e ao mesmo tempo respostaron a algunhas das dúbidas que ían xurdindo entre as persoas que acudiron”. Así mesmo, sublilñou o gran éxito de acollida que tivo tanto esta conferencia do programa municipal “A saúde mental é cousa de todos e todas” como as tres realizadas anteriormente na cidade con cargo a esta iniciativa, que rematará no mes de xuño.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …