O Concello de Narón contaba a 1 de xaneiro cun total de 111 novos veciños. Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, tras recibir unha comunicación do Instituto Nacional de Estatística na que se informa sobre o cómputo anual. “É unha satisfacción ver como Narón é un dos poucos concellos da comarca que continúan gañando poboación, neste caso máis dun centenar de veciñas e veciños, unha cifra moi importante e que reflicte a aposta da xente por elixir esta cidade para vivir”, destacou Ferreiro. A rexedora local avanzou que “a cifra que recoñece o INE non coincide coa do Concello, que aínda é algo superior, polo que se procederá como se fai cada ano a trasladar os nosos datos ao INE para que os revisen e ter a cifra definitiva tras realizar as pertinentes comprobacións”.
O crecemento poboacional sitúa á cidade, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística, en 39.049 habitantes. “O pasado ano tiñamos 38.938 habitantes e o de Narón foi un dos catro concellos da comarca, xunto con Ares, Mugardos e Valdoviño, que tamén gañou poboación, nese caso 25 habitantes no exercicio anterior, unha cifra moi alonxada dos actuais 111, que confirman unha tendencia nun claro crecemento”, destacou a alcaldesa.
“Narón é unha cidade moi atractiva para vivir e con moita poboación xoven que ano tras ano ve incrementados os seus servizos, zonas verdes, infraestruturas, e que ofrece unha calidade de vida que ten en conta a todos os sectores da poboación”, recalcou. Ferreiro asegurou que “temos moi clara a folla de ruta para a nosa cidade e nesa liña queremos seguir traballando nos vindeiros anos, para que a cidade continúe sendo un referente e un lugar que siga elixindo a xente para establecer a súa residencia habitual”.