O Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acolleu este mércores, día 1 de marzo, a presentación do libro “As Mulleres de Narón 20 anos despois: 2002-2022”.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, participou no acto xunto coa edil de Igualdade, Mar Gómez, a responsable do Servizo Sociocomunitario Municipal, Mercedes Taibo, outros edís da corporación local e unha vintena de mulleres que participan en cursos municipais da área de Igualdade.
Ferreiro estivo tamén acompañada por Carlos Abella, autor da publicación, da que se editaron un total de 200 exemplares. Ó inicio da súa intervención a rexedora local agradeceu a presencia das persoas que acudiron á convocatoria e tamén das catrocentas mulleres que participaron nas enquisas cuxos datos se recollen no libro.
Ferreiro asegurou que o traballo realizado foi “moi intenso” e explicou que “actualiza o primeiro estudo sociolóxico sobre as mulleres de Narón, que era do ano 2002”. Na súa intervención a alcaldesa destacou o feito de que a partir deste libro, dos datos recollidos, “axustaremos as iniciativas a desenvolver dende o Concello de Narón ás necesidades da nosa sociedade, co fin de que poidan ter a maior eficacia posible de cara a acadar unha sociedade máis igualitaria”.
A publicación, enmarcada no terceiro Plan de Igualdade, profundiza en datos socioeducativos, culturais, de lecer, familiares… das mulleres da cidade e remata cunhas conclusións a modo de comparativa entre eses vinte anos que transcorreron dende 2002 ata 2022.
Pola súa banda, Abella realizou unha exposición na que abordou as liñas principais do traballo, en canto á súa xustificación, obxectivos, metodoloxía e as áreas abordadas: educación, cultura e ocio; saúde e deporte; familia e conciliación laboral; traballo e inclusión social e violencia de xénero.
Así mesmo, aludiu ós obxectivos xerais e específicos do traballo, que permitirá entre outras cousas, poñer en marcha medidas ou políticas de igualdade adaptadas á situación actual e determinar a pluralidade dos perfís das mulleres, entre outros.
Ó remate da presentación, na que se ofreceron datos sobre comparativos sobre temas como o nivel de formación das mulleres, o consumo de medicamentos, o coidado de persoas dependentes, etc., intercambiáronse opinións sobre parte deses datos.
A programación do 8M inclúe dende hoxe a mostra de libros e material relacionado co feminismo “Letras que r8Mpen o teito de cristal”, que se poderá ver ata o 11 de marzo na Biblioteca Municipal. As mulleres son tamén protagonistas da oitava edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular, que comezará este venres, día 3, con “Piano Blanco”, interpretado pola arxentina Jimena González.
Ás 20.30 horas dará comezo no Pazo da Cultura este monólogo, sobre a actriz Marilyn Monroe, que en 1961 foi internada por erro nun hospital psiquiátrico e a súa estadía no centro, segundo recoñeceu, foi unha das actuacións máis maravillosas da súa carreira.
O festival continuará o sábado co monólogo “Continente María”, da compañía galega Ainé e interpretado polas actrices Melania Cruz e Vadim Yukhnevic. Ás 20.00 horas iniciarase esta proposta que é un canto á vida e ao teatro a través do diálogo coa figura de María Casares, tanto na súa faceta de actriz como á súa vida persoal.
As propostas para público infantil do “VIII Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular” tamén comezarán esta semana, concretamente o domingo ás 18.00 horas, coa representación de “Zapatos”, da compañía galega Caramuxo Teatro.
A cita será no Café Teatro do Pazo e terá unha duración de media hora, un tempo no que a actriz Laura Sarasola narrará unha serie de historias de zapatos que xa non teñen dono. As entradas para todos os espectáculos poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura