O Bo e a lendaria ponte de Sigüeiro

José Fonte Sardiña

Contan nas vellas Terras Ártabras que unha lenda lle atribúe a Fernán Pérez de Andrade o alcume do Bo porque afirma que patrocinou e mandou construír ou rehabilitar nos territorios dos señoríos que o rei Henrique II o Bastardo ou o das Mercedes (1369-1379) lle outorgara, por mor da súa axuda no fratricidio de Montiel que acabou coa vida de Pedro I o Cruel ou o Xusticeiro (1350-1369), importantes infraestruturas para o seu desenvolvemento económico, como sete pontes en sete ríos caudalosos, sete igrexas, sete mosteiros e sete hospitais [Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade na igrexa de San Francisco de Betanzos, unha das sete que mandara facer].

O licenciado Bartolomé Molina foi o primeiro en acusar a Fernán Pérez, en 1551, de participar no fratricidio de Montiel [Parrilla (ed.): “Descripción del Reino de Galicia por el licenciado Molina”, Santiago de Compostela, 1998, p. 144], cousa que sempre negou Couceiro Freijomil, talvez algo cego de patriotismo eumés [Antonio Couceiro Freijomil: “Historia de Pontedeume e a súa comarca”, primeira edición 1944, citado pola cuarta, en galego, Pontedeume, 1995, p. 121 e 122]. Así e todo, o profesor Correa Arias, o seu mellor biógrafo, pensa que “o de Andrade, efectivamente, tivo algo que ver coa morte de don Pedro e esta morte produciuse de forma aleivosa e sañuda, de forma nada cabaleiresca, xa que, incluso, se chega a afirmar que lle cortaron a cabeza e o seu corpo foi exposto para ser escarnecido” [José Francisco Correa Arias: “Fernán Pérez de Andrade, o Bóo. Mentalidade e realidade social”, Editorial Toxosoutos, Noia (A Coruña), 2004, p. 118] [Miniatura do fratricidio de Montiel do século XIV, realizada polo cronista francés Jean Froissart para ilustrar as súas “Chroniques”, e portada da “Descripcion del Reyno de Galizia”, do licenciado Bartolomé Molina].

Porén, Manuel Murguía afirma que o Bo, de quen di que a lenda se apoderou da súa vida e tendeu sobre ela unha poética trama, recibiu este apelativo porque, sendo aínda moi novo, cando o futuro Henrique II fuxía perseguido polo seu irmán, o daquela rei, Pedro I, lle deu “refuxio na torre de Andrade. De alí pasou a Francia levando na súa compaña a Fernán, a quen o seu pai lle dixo ao partiren: ⸻Sé bo, que bo compañeiro levas!, e de aí que fose coñecido despois con aquel alcume” [Tomado e traducido de Manuel Murguía: “Galicia”, primeira edición 1888; citado pola edición de Sálvora, Santiago de Compostela, 1985, t. II, p. 1160] [Foto de Aurora Lapique do Torreón dos Andrade en Pontedeume].

Torreón Pontedeume

As sete pontes que Fernán Pérez de Andrade mandara facer no Camiño Inglés a Santiago de Compostela foron a de Xuvia, entre os actuais concellos de Narón e Neda para cruzar o río do mesmo nome que por alí baixaba; a que unía, entre Pontedeume e Cabanas, os arciprestados de Pruzos e Bezoucos na desembocadura do río Eume; a  realizada entre Miño e Paderne, na Ponte do Porco, para atravesar o Lambre; a edificada na Ponte Baxoi, para cruzar o río que lle dá nome; a de Lambre, para pasar o río que bautiza ese lugar na parroquia de San Pantaleón das Viñas de Paderne; a que levantou entre Culleredo e Cambre, no Burgo, para atravesar o Mero; e a de Sigüeiro, que une os actuais concellos de Oroso e Santiago de Compostela sobre o río Tambre, onde lle engadiu un arco gótico á que xa había [Debuxos da vella ponte medieval eumesa realizados por Fernando Sarmiento consonte o rigoroso estudo do profesor Correa Arias; José Francisco Correa Arias: “Fernán Pérez…”, op. cit., p. 156 e 157].

A ponte de Sigüeiro, en opinión de Rivadulla Conde, é moi antiga; pensa que os arcos primeiro, segundo e quinto, de medio punto, empezando a contar desde a vila, mesmo poden ser dos tempos dos romanos, e afirma con rotundidade que os arcos centrais, tamén de medio punto pero de maior tamaño, son sen dúbida románicos, probablemente do século XII [Isabel Rivadulla Conde: ‘As sete pontes de Fernán Pérez de Andrade’, no “Boletín do Seminario de Estudios Mariñáns”, III, Betanzos, 1987, p. 66-68, de onde está tomado o plano da ponte].

O último arco, o máis próximo ao actual concello de Santiago, é oxival e presenta un estilo gótico que nos permite datalo no século XIV. A inscrición que aparecía nun dos arcos centrais afirmaba, segundo recolleu Antonio de la Iglesia, que “FERNAN PEREZ DE ANDRADE / ACABOU ESTA PONTE” [Antonio de la Iglesia: “El idioma gallego, su antigüedad y vida”, t. II, A Coruña, 1886, p. 58], o que parece confirmar que foi o Bo quen mandou facer ese sexto arco.

No século XV, pretiño da ponte, Álvaro Pérez de Moscoso tentou raptar a María, a filla de Gómez Pérez das Mariñas, por unhas desavinzas que aquel tiña co seu pai, pero este, malia que os homes que o acompañaban estaban en inferioridade numérica, nunha heroica loita, conseguiu derrotar o seu inimigo Álvaro Pérez de Moscoso e o séquito que o acompañaba e liberar así a súa filla María; conta Vasco de Aponte que “correu tras el matando e ferindo á súa xente e tomándolles todo despoxo” [Tomado e traducido de Vasco de Aponte: “Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia”, Santiago de Compostela, 1986, p. 159] [Arcos cuarto, quinto e sexto da ponte de Sigüeiro].

Por este paso obrigado dos peregrinos a Santiago de Compostela polo Camiño Inglés, o día sete de agosto de 1745, cruza o Padre Martín Sarmiento desde Santiago de Compostela cara a Ferrol e fai a seguinte referencia: “Ponte Sigüeiro, de Santiago dúas légoas; río Tambre” [Tomado e traducido de José Luis Pensado (ed.): “Fr. Martín Sarmiento. Viaje a Galicia (1745)”, Salamanca, 1975, p. 64, folio 58 r do manuscrito orixinal] [Arcos primeiro, segundo e terceiro da ponte de Sigüeiro, dous deles hoxe sen auga].

Conta Francisco Tettamancy en “La revolución gallega de 1846”, publicada na Coruña en 1908, citando datos de Francisco Ponte y Blanco, que esta ponte de Sigüeiro é “de estilo entre románico e oxival, de 58,80 metros de longo. O ancho dos seus peitorís ten unha medida de 3,40 metros; e o que está entre os apartadoiros ten 8,35. Estes son de forma trapezoidal e triangular, que ó tempo forman os tallamares da ponte. Os triangulares están arriba e os trapezoidais augas para abaixo. Consta a ponte de cinco arcos circulares de distinto radio e un oxival con sobrecarga circular” [Tomado de Antonio Couceiro Freijomil: “Historia…”, op. cit., p 136-137] [Ponte de Sigüeiro].

Por mor do intenso tráfico rodado, leva na actualidade, sobre o antigo taboleiro de pedra, un de formigón armado, para reforzar a súa estrutura, e os seus peitorís de pedra foron substituídos por unha varanda de ferro forxado. Presenta un moi bo estado de conservación.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …