Arturo e as cabalgatas de Reis da miña nenez en Pontedeume

José Fonte Sardiña 

Sempre que se achega o Día de Reis, desde que vivo na urbanización Os Tilos, moi preto de Santiago de Compostela, no fronteirizo concello de Teo, vou visitar na súa véspera, antes ou despois da gran cabalgata na que desfilan en fermosas e rechamantes carrozas as súas maxestades os Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar, dúas das epifanías da capital de Galicia qumáis me gustan, que se dispoñen nas terras que ocupaba o vello e mítico bosque Libredón, onde foron enterrados no século I os restos do apóstolo Santiago, traídos polos seus discípulos Teodoro e Atanasio desde Jaffa ao lugar onde en vida predicara, e que varias centurias máis tarde foron descubertos polo eremita Paio e o bispo Teodomiro (810?-847) no primeiro cuarto do século IX. Así naceu a cidade de Compostela e comezou a coller forza a peregrinación, co inestimable apoio do rei Afonso II o Casto (791- 842), cara ao sepulcro do apóstolo Santiago (Torre central da fachada do Obradoiro- onde remata a cabalgata de Reis compostelá- dacatedral con Santiago, os reis hispanos, os discípulos Teodoro e Atanasio e o
sepulcro descuberto por Paio).

Tal vez a epifanía policromada más fermosa de Santiago de Compostela sexa a do tímpano románico do pórtico da igrexa de San Fiz de Solovio, que representa os Reis Magos no portal de Belén como os primeiros peregrinos da cristiandade. “A estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba do lugar onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ao veren a estrela alí pousada. Cando entraron na casa, atoparon a criatura con María, a súa nai, prostráronse e rendéronlle homenaxe. Logo, abriron os seus tesouros e ofrecéronlle como agasallo ouro, incenso e mirra” (Tomado e traducido do “Evanxeo de San Mateo”, 2, 9-11) (Fachada principal de San Fiz de Solivio coas luces de Nadal que representan os Magos, “peregrinos”, nos seus camelos).

A Virxe, sedente e coroada de gloria, agarima no seu colo ao Salvador, que leva a coroa dun reino que non é deste mundo. Á súa esquerda, un pastor axeonllado adora ao Neno Xesús e san Xosé observa compracido, sentado e sostendo na man o seu bastón en forma de tau. Á dereita, o rei Melchor, que quitou a súa coroa en sinal de respecto ao Redentor do mundo, entrégalle o ouro; ao seu carón, Baltasar, de pé, fai ademán de quitarse igualmente a súa coroa porque está próximo o momento de agasallalo coa mirra; e en terceiro lugar aparece Gaspar, tamén en pé, co cofre de incenso nas mans e a coroa na cabeza, esperando a súa quenda (Tímpano de San Fiz de Solovio).

No capítulo 52 de “Al Rey de los Ángeles”, titulado ‘Isla de Lejos’, Ramón Loureiro fala da Adoración dos Reis Magos do tímpano da colexiata de Santa María da Coruña e conta que as imaxes alí labradas se moven en canto collen confianza con aquel que as mira. Intrigado, ao día seguinte de ler por primeira vez este episodio, decidín pasar pola igrexa de San Fiz de Solovio e, malia que Santiago de Compostela non ten a luz das cidades asolagadas que Cunqueiro lle atribúe á Coruña, despois de contemplar devagariño a epifanía policromada do seu pórtico, puiden comprobar que os personaxes picheleiros alí representados se moven e actúan como di o narrador que o fan os cascarilleiros. E aínda hai quen di, miñaxoia, que Melchor, Gaspar e Baltasar non son magos (Tímpano da colexiata de Santa María da Coruña).

Hai tamén en Santiago de Compostela outra epifanía, para min a máis entrañable das tres, que representa a Adoración dos Magos na miña antiga Facultade de Filoloxía, hoxe de Filosofía, dunha feitura moi semellante ás dúas anteriores. Nas súas aulas aprendín a amar a nosa lingua galega, a castelá, a italiana, a francesa e mesmo a latina, da que todas veñen, e algunhas das obras literarias que nelas se escribiron (Fachada da antiga Facultade de Filoloxía, hoxe de Filosofía).

Neste relevo que se atopa na cara traseira do edificio, que dá á rúa da Fonte de Santo Antonio, a Virxe, sedente e coroada de Gloria, co neno no colo, mostra un marcado hieratismo e mira de fronte, como se ignorase a presenza dos tres Reis Magos que aparecen á súa dereita e a dun pastor e san Xosé que se dispoñen á esquerda. O Neno Xesús dirixe a súa mirada a Melchor, que, sen a coroa real, como mostra de respecto ao Redentor, lle entrega o ouro, e que ten ao seu carón a Gaspar e a Baltasar, que agardan hieráticos, coas súas coroas reais na cabeza, de pé, co incenso e a mirra nas mans, o momento de lle render homenaxe ao Salvador. O pastor que se presenta á esquerda da Virxe e o Neno está axeonllado e san Xosé, no estremo da escena, de pé, barbado e sen coroa, co bastón en forma de tau nas mans (Epifanía da antiga Facultade de Filoloxía, hoxe de Filosofía).

Cando vexo o impoñente desfile dos Magos composteláns, veñen inevitablemente á miña memoria saudosa aquelas humildes, e así e todo marabillosas, cabalgatas eumesas que Arturo argallaba co seu camión do polvo, como todos a chamabamos, nas que sempre había moreas de caramelos e ilusión para dar e tomar (Foto de Lourdes Amado, filla de Arturo).

Vaia desde aquí a miña máis fonda gratitude e o meu eterno cariño a el e a cantos fixeron que a nosa infancia en Pontedeume fose tan feliz

 

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …