O rei Herodes e o Día dos Inocentes

José Fonte Sardiña

No tempo de Nadal, entre as festividades -relixiosa  da Noiteboa na que se conmemora o nacemento do Neno Xesús- e laica da Noitevella  na que se celebra a despedida do ano que se vai e a chegada do que comeza- o vinte e oito de decembro reservamos a xornada para gastar unhas bromas a amigos e coñecidos que chamamos inocentadas. Son moitos os que participan nestas tradicionais argalladas pero talvez non todos saiban que o Día dos Inocentes tivo a súa orixe na matanza- ordenada por Herodes-  de todos os nenos menores de dous anos de Belén e a súa bisbarra para acabar coa vida do que moitos adoraban como rei malia que nacera nun humilde presebe (Escena da Matanza dos inocentes nas pinturas murais da catedral de Mondoñedo).

A escena evanxélica da matanza dos inocentes foi magnificamente representada nas pinturas murais de finais do século XV da catedral de Mondoñedo, onde o mestre Ramón Loureiro contempla o nacemento- como en cada Nadal-, do Rei dos Anxos e comeza, na noite de Reis, a máxica cabalgata na que acompañará a Mechor, Gaspar e Baltasar – os primeiros peregrinos da cristiandade- na carroza que León de Bretaña lles preparara, para repartir os agasallos polos lugares da súa infancia, e chegará á casa do Forno de Pedre, para concluír a marabillosa viaxe que nos narra na súa novela “Al Rey de los Ángeles” (Escenas da Matanza dos inocentes nas pinturas murais da catedral de Mondoñedo).

Conta o “Evanxeo de san Mateo” que “Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. Pouco despois, uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:-Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá en Oriente e estamos aquí para rendérmoslle homenaxe (Imaxe dos Magos na portada da novela de Ramón Loureiro “Al Rey de los Ángeles”, ilustrada por Antonio Seijas).

Oído isto, o rei Herodes alporizouse e con el toda Xerusalén, e convocou os sacerdotes e letrados do pobo para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías.

En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta: E ti Belén, terra de Xudea, / de ningún xeito es a máis pequena / entre as vilas de Xudea, / que de ti sairá o guía / que será o pastor do meu pobo de Israel– responderon eles (Foto de don Benjamín Sevillano Gallego, párroco da Unidade Pastoral de Pontedeume, da escena da Adoración dos pastores no retablo maior da igrexa parroquial da vila eumesa).

 

Entón, Herodes, en segredo, chamou aos magos para se informar ben de cando se lles aparecera a estrela. Logo, mandounos a Belén, dicíndolles:  -Ide e comprobade cumpridamente todo o que se sabe dese neno; e, unha vez que o atopedes, avisádeme, que eu tamén quero ir onda el para lle render homenaxe- (Salterio de Ingeborg, coa escena de Herodes e os Magos).

Eles, despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. A estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba do lugar onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ao veren a estrela alí pousada. Cando entraron na casa, atoparon a criatura con María, a súa nai, prostráronse e rendéronlhomenaxe. Logo, abriron os seus tesouros e ofrecéronlle como agasallo ouro, incenso e mirra. Despois, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron cara á súa terra por outro camiño (Adoración dos Reis Magos de El Greco)

En canto se foron, un anxo do Señor aparecéuselle a Xosé en soños e díxolle:-Érguete, colle a Xesús e mais a María e fuxe cara a Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para o matar. Xosé ergueuse, colleu o neno e mais a nai pola noite, e alá se foi cara a Exipto. Alí permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta:- Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto- (O soño de Xosé de Gaetano Gandolfi e A fuxida a Exipto de Rembrandt).

Herodes, decatándose de que fora burlado polos magos, encheuse de carraxe. E botando contas polos datos que eles lle proporcionaran, mandou matar a todos os nenos menores de dous anos de Belén e a súa bisbarra. E foi así como se cumpriu tamén o que dixera o profeta Xeremías: –Oíuse un berro en Ramah, / laios e moito lamento: / Raquel choraba polos seus fillos, / e non tiña consolo porque xa non existían”- (Herodes ordena a masacre dos inocentes, de Matteo di Giovanni).

Tomado e traducido do “Evanxeo de san Mateo”, 2, 1-18.

 

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …