José Fonte Sardiña
O prestixioso filólogo Isidoro Millán González-Pardo, no estudo realizado sobre o topónimo Breamo, confirma a existencia “do culto que recibiu dos pagáns o mesmo monte ou algún monumento que en tempos houbera na súa cima. Couceiro Freijomil non ve razóns para desbotar tal hipótese […]. Invitaba xa algo a pensar nela […] o feito mesmo de que se construíra en 1187, neste cume desasistido e solitario, o fermoso templo que hoxe se conserva alí […]. En 1236 aparecen servíndoo os cóengos regulares de Santo Agostiño. Sen excluír a súa vontade relixiosa de vida eremítica, é razoable inferir agora, á vista daqueles indicios, que coa súa presenza e a advocación ao arcanxo san Miguel, patrón das alturas, pretendían unha cristianización maior das do monte Breamo, que debía de concentrar aínda, seguramente na mesma cúspide onde se erixiu o templo, tenaces celebracións de culto supersticioso” (Tomado e traducido de Isidoro Millán González-Pardo: “Toponimia del Concejo de Pontedeume y Cartas Reales de su Puebla y Alfoz”, A Coruña, 1987, p. 124) (Monte de Breamo desde o castelo de Andrade).
O profesor Carlos de Castro Álvarez non dubida de que “en 1169 xa existe vida monástica no cume do monte Breamo” (Carlos de Castro Álvarez: “Igrexas Románicas da Comarca do Eume”, Pontedeume, 1997, p. 178) e, para o acreditar, fai referencia a un preito entre Oveco Gutiérrez e os cóengos de Caaveiro no que se cita ao prior de Breamo Juan Ovequiz, uns anos antes da data da finalización da construción do templo, en 1187, recollida nunha inscrición descuberta polo eumés de corazón, malia que coruñés de nacemento, Ángel del Castillo, que fora membro de número da Real Academia Galega. Pensa Carlos de Castro Álvarez que o asentamento “foi o froito da vontade da monarquía de completar o crebacabezas de xurisdicións, nun espazo de indubidable valor estratéxico […]. Dela arranca o feito de que o Priorado de Breamo fose de padroado real” (Ibidem). Parece que puido ser baixo o reinado de Fernando II (1157-1188) (Mosteiro de San Xoán de Caaveiro).
Así e todo, conta unha lenda que, despois de seren derrotados os Cabaleiros da Orde do Temple ⸺que tiñan como misión protexer os peregrinos a Terra Santa⸺ polo exército de Saladino ⸺o sultán de Exipto⸺ na batalla dos Cornos de Hattin, o catro de xullo de 1187, once daqueles homes, metade monxes, metade soldados, viñeron desde Xerusalén a Galicia ⸺como segundo a tradición fixeran tamén os discípulos do apóstolo Santiago co seu corpo morto para que o seus despoxos fosen enterrados no lugar que en vida predicara⸺ e decidiron aloxárense e custodiaren o conxunto monástico que ese mesmo ano se acababa de fundar en Pontedeume, no Breamo, o seu monte sacro, na honra de san Miguel (Ábsidas da capela de San Miguel de Breamo).
Naquela Noiteboa de 1187, estaban os once cabaleiros templarios celebrando a cea polo nacemento do Salvador cando oíron na capela os desconsolados berros dun neno que morría coa fame e o frío e que, cando chegaron, lles regalou o seu tenro sorriso (Foto de Lola Fornos Ríos do Neno Xesús da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume).
Cubriron o neno cunha manta, déronlle de comer un pouco de leite e arrolárono con doces panxoliñas ata que quedou durmidiño. Un dos templarios foi pechar a porta e viu que o rosetón da fachada tiña doce puntas na súa estrela no canto das once que os canteiros labraran (Fachada principal da capela de San Miguel de Breamo).
Os templarios consideraron o feito como un milagre e decidiron velar toda a noite o neno na capela, pero un a un foron vencidos polo sono e, cando acordaron, aquela criatura xa non estaba alí (Foto de Lola Fornos Ríos do interior da capela de San Miguel de Breamo).
Desesperados, saíron na súa procura e comprobaron que o rosetón da fachada volvía ter as once puntas de sempre. Ao ver isto, comprenderon que o Neno Deus tiña que marchar e non podía seguir con eles despois daquela gloriosa e memorable festa de Nadal (Rosetón da fachada principal da capela de San Miguel de Breamo).
Aínda que o rosetón actual é do segundo cuarto do século XX, e se conserva unha foto da primeira metade desta centuria que mostra unha seteira na fachada principal no canto do rosetón, parece claro que si debeu existir anteriormente, porque, como afirma o profesor De Castro Álvarez, “resulta difícil de crer que a igrexa tivese rosetóns nos estremos do transepto e non neste lugar” (Idem, p. 199) (Foto de principios do século XX da fachada principal da capela de San Miguel de Breamo) (Fachada norte da capela de San Miguel de Breamo).
Contan en Pontedeume que todas as Noiteboas a estrela do rosetón, en memoria daquel milagre, volve ter doce puntas, que tornan a ser once coa alba do día.