Programación cultural desta «finde» no Pazo da Cultura de Narón

O Pazo da Cultura do Concello de Narón acolle esta fin de semana tres novos espectáculos da programación do Padroado da Cultura para os últimos meses do ano.

A primeira das citas será este venres, día 7 de outubro, co actor e dramaturgo Rafael Álvarez, “El Brujo”, que interpretará “El alma de Valle Inclán” ás 20.30 horas. Trátase dun espectáculo íntimo que xurdiu durante o confinamento e no que o autor reinterpreta textos de Valle Inclán durante algo máis de hora e media.

As entradas teñen un prezo de 12 euros para o público xeral e de 8,40 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).

O sábado  8 do citado mes será o turno da música, nesta ocasión a cargo de Sondeseu, unha orquestra folk de Galicia que celebra os seus vinte anos sobre os escenarios cun concerto acústico con máis de medio cento de músicos. A tradición oral da música popular de Galicia integra o seu repertorio, con música de gaitas, zanfonas, violíns, frautas de madeira e outros instrumentos.

O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público xeral; de 6,65 para abonados, desempregados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e de 5,50 para menores de 12 anos.

Este domingo 9 poderase ver ás 17.30 horas e ás 19.30 o musical tributo “El Rey León, de Simba a Kiara”, a cargo de Onbeat. A interacción co público, espectaculares voces en directo e unha gran posta en escena e atractivas coreografías son os sinais de identidade desta inesquecible proposta.

As entradas teñen un prezo de 15 euros no patio de butacas, de 13 no anfiteatro 1 e 12 no anfiteatro 2. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo da Cultura ou a través da web: padroadodecultura@naron.es

Lea también

Club Arco Narón obtiene buenos resultados en la segunda edición del Torneo ‘Escolas Indoor’

En jornada matinal de este pasado domingo se celebró en el pavillón da Mocidade de …