O CIMIX de Narón inaugura “Organismo Vivo”, a mostra que percorre a obra de SØJĒ POLCÆM

O acto de apertura terá lugar ás 12:00 horas e contará coa presenza do artista. A exposición pode visitarse ata o 1 de outubro no Muíño de Xuvia.
 
 
O Museo CIMIX de Narón acolle a partir deste venres, 18 de setembro, a exposición “Organismo Vivo (Cartografía dunha conciencia en transformación)”, do artista SØJĒ POLCÆM. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 1 de outubro. Lonxe do formato dunha retrospectiva cronolóxica ou dunha reunión de obras independentes, “Organismo Vivo” propón ao visitante introducirse na cartografía dunha conciencia en transformación permanente.
 
O percorrido non se detén unicamente nos resultados visibles da produción artística, senón que convida a percorrer os procesos que a fixeron posible. Cada obra, poema, imaxe e videopoema forma parte dunha mesma arquitectura en movemento. A elección do CIMIX como espazo expositivo non é casual.
 
O antigo muíño, onde materia, técnica, tempo e transformación permanecen inscritos nos propios muros, dialoga coa idea central da obra de SØJĒ POLCÆM: a arte entendida como unha tecnoloxía humana capaz de transformar experiencia en símbolo, memoria en forma e pensamento en imaxe.
 
O percorrido reúne pezas procedentes de distintos ámbitos da creación —poesía, fotografía, videocreación, reflexión filosófica e experimentación visual— arredor de preguntas como que é un ser humano, como se constrúe unha identidade ou que lugar ocupa a arte nunha época marcada pola aceleración tecnolóxica.
 
A exposición non ofrece respostas pechadas, senón que propón un mapa aberto no que cada sala funciona como a estación dunha viaxe. SØJĒ POLCÆM naceu en Ferrol en 1966 e criouse no barrio de San Pablo, nunha familia de clase traballadora.
 
Formado en Delineación Industrial, iniciou a súa vida laboral aos 16 anos como carpinteiro de dique e gradas na antiga Bazán, hoxe Navantia, onde desenvolveu ademais unha ampla traxectoria sindical en CCOO. Paralelamente cultivou, de xeito autodidacta, a filosofía e a poesía, ata que en 2022 adoptou o nome artístico de SØJĒ POLCÆM e puxo en marcha o proxecto dixital “O Mundo Segundo SØJĒ POLCÆM”.
 
Realizou a súa primeira exposición en 2024 na galería DGD de Mallorca e, un ano despois, unha obra súa foi incluída nun catálogo de Magna Art Auctions xunto a pezas de Velázquez, Goya, Picasso e Dalí.
 
O acto de inauguración celebrarase este venres 18 de setembro ás 12:00 horas. Ademais do artista, participarán a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, e a profesora de filosofía Belén Castellanos.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *