A través dun comunicado de prensa o BNG de Ares expón o seguinte: «A comezar, cómpre reiteramos que o BNG de Ares está a favor, e así o ten concretado no debate do PXOM, da humanización dos espazos urbanos e, máis concretamente, dunha nova ordenación do tráfico en Ares que, ademais de priorizar as persoas por riba dos vehículos, procure alternativas ó tema dos aparcadoiros»
«É sabido que parte da problemática do aparcamento en Ares deriva dunha política do desastre urbanístico que deixou o goberno do PP, incumprindo as obrigas de dotación de aparcadoiros nas novas construcións e mesmo a conversión dos espazos teoricamente reservados para aparcadoiro en baixos comerciais. Medida que, por certo, tivo continuidade co actual grupo de goberno. Chama a atención, pola contra, que o documento do PXOM non contemplase estas cuestións e as medidas para correxilas»
Segundo afirma o responsábel local do BNG, Tino Seco, no texto da alegación presentada “este tema merece un debate demorado, a comezar, pola propia corporación, implicando tamén ó conxunto da cidadanía na información e nas alternativas que se pretendan implantar. Primeiro, un debate no seo da corporación, na procura do maior consenso para procurar que estas medidas non estean vinculadas a maiorías da corporación e teñan vontade de permanencia no tempo”; «lembrando que o acordo adoptado a finais de xuño pola corporación nen sequera figuraba na orde do día do pleno»
O responsábel do BNG engade que “non é comprensíble que, por unha banda se afirme a vontade de colaborar na recuperación para algúns sectores económicos do concello (hostalería, comercio….) dos efectos da crise do COVID, e por outra se poñan en marcha medidas que, como se está a evidenciar, están a repercutir negativamente na imaxe e funcionamento destes sectores”
Seco afirma, finalmente, que “de observarse as disposicións legais, non podería entrar en vigor ata entrado o mes de agosto. O que converte todo o traballo en estéril, non operativo na práctica para as medidas que se pretenden (mírese a nula utilización dos aparcadoiros disuasorios) e, en definitiva, anula os argumentos que habería que utilizar para facer un proceso verdadeiramente transparente e participativo”