A Asemblea Local do BNG de Ares deu aprobación á proposta de cabeza de lista para as eleccións municipais do vindeiro ano; na persoa de Faustino Seco Penedo, que na actualidade exerce como responsábel local do BNG de Ares. Unha proposta que agora deberá pasar–segundo o regulamento da organización para a conformación das candidaturas ás municipais- a ratificación por parte do Consello Comarcal e Nacional do BNG.
Seco é Catedrático de Educación Física de Ensino Secundario e Licenciado en Xeografía e Historia. Durante 28 anos estivo de profesor de Educación Física no IES Concepción Arenal de Ferrol, onde foi director e xefe de estudos durante 11 cursos académicos.Actualmente exerce como profesor de Educación Física e Xefe de Estudos de Secundaria no CPI As Mirandas de Ares.
Tino Seco manifestouse “moi ilusionado e, sobre todo, comprometido no traballo que nos agarda para os vindeiros meses; que vou desenvolver en estreita relación co actual grupo municipal e o conxunto da organización do BNG local; artellando propostas e alternativas que sitúen á organización como referente para un cambio de rumbo na política municipal que está demandando cada vez máis veciñanza de Ares”