O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol propón que o Plan de Mobilidade (PMUS) que se pretende aprobar no vindeiro pleno municipal contemple adiantar ao ano 2023 a peonalización integral do barrio da Madalena «co obxectivo de recuperar as rúas par a xente e aproveitar esta medida para dotar a cidade dunha zona de baixas emisións coa que evitar ter que estabelecer unha nova taxa á circulación na cidade.«
Iván Rivas, portavoz nacionalista no Concello de Ferrol, insta ao goberno local a «reconsiderar a súa postura e apostar pola recuperación das rúas par a xente fronte a política de imposición de sancións e tributos«. Pídelle o goberno municipal que «modifique as súas previsións sobre a peonalización do barrio da Madalena, que a efectivice no 2023 no canto de postergar a súa aplicación até dentro de seis anos tal e como defende o borrador do PMUS.«
Sinala que as propostas presentadas polo BNG ao PMUS «apostan por incrementar os servizos e frecuencias do transporte público co obxecto de fomentar o seu uso, reducir os aparcadoiros en superficie existentes recuperando ese espazo para a xente coa xeración de novas zonas verdes e espazo público como a parcela do Sánchez Aguilera, ou promover aparcadoiros soterrados para absorver a demanda residencial e os aparcadoiros disuasorios conectados coa rede de transporte público para disuadir do uso do vehículo privado.»
O BNG lembra que a Lei 7/2021 de cambio climático e transición enerxética impón aos concellos de máis de 50.000 habitantes «a obriga da redacción dun PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel) con medidas que reduzan as emisións de gases derivados da mobilidade. Entre esas medidas ten que estar, como mínimo, o estabelecemento de Zonas de Baixas Emisións antes de 2023.»
Ademais, o 19 de novembro de 2021 publicáronse, as Directrices para a creación de zonas de baixas emisións determinando dúas alternativas: «Prohibir entrar e circular aos vehículos sen distintivo ambiental CERO, ECO e C. ou estabelecer unha Peaxe urbana, cobrar por entrar, circular e estacionar en certas zonas das cidades.»
Iván Rivas lembra que en Ferrol a superficie destinada aos vehículos «ocupa un 68% do espazo total dispoñible nas rúas, e tan só o 32% ao tránsito peonil, segundo os datos do Plan MOB, tamén que o camiño cara a recuperar as rúas para as persoas é un percurso inexorable que cidades como Pontevedra levan anos recorrendo e que Ferrol é incapaz de iniciar.»
O BNG considera que fronte a un «modelo baseado na penalización, o de pagar por acceder a determinadas zonas ou pagar por adquirir un vehículo eco, existe o modelo de promover a redución dos tráficos innecesarios para o funcionamento da cidade, que trae consigo outras vantaxes como a ampliación do espazo público para as persoas, a redución da sinistralidade e mesmo que facilita a autonomía dos menores.«