As Escolas do Padroado da Cultura de Narón celebran estes días as mostras de finais de curso, no Auditorio municipal e no Pazo da Cultura no caso da Escola de Teatro de Narón, con acceso libre.
A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou “a traxectoria destas Escolas Culturais e a implicación do persoal docente e de todo o alumnado por convertilas nun referente dentro e fóra da nosa cidade”, ó tempo que animou á cidadanía a presenciar, de balde, as actuacións proxectadas nos vindeiros días.
A Escola de Teatro de Narón ten programada para esta mesma tarde, a mostra de fin de curso do alumnado de primeiro, segundo e terceiro curso de Interpretación, ás 20.30 horas no Auditorio, na praza de Galicia e o Pazo da Cultura acollerá a esa mesma hora o Festival de Fin de curso das Escolas de Música e Baile tradicional.
A continuación, este xoves, día 26 de maio, terá lugar a Mostra do Obradoiro teatral infantil, no Auditorio, ás 16.30 horas e tamén a Mostra de Voz e Dicción (segundo e terceiro curso) ás 20.30 no Auditorio. As representacións programadas esta semana continuarán este venres 27 ás 20.30 no Auditorio coa Mostra do Obradoiro teatral de Adultos do Alto e a esa mesma hora no Pazo co festival de fin de curso das Escolas de Música e de Baile tradicional. O domingo 29 ás 18.00 horas o Auditorio acollerá a Mostra dos Obradoiros Teatrais infantís e xuvenís.
Finalmente, o luns 30 de maio ás 16.30 no Auditorio será a mostra do obradoiro teatral infantil e ás 20.30 a do obradoiro teatral de adultos Sedes, e o 31 de maio ás 20.30, na mesma ubicación, o espectáculo de Teatro musical do Practicum da Escola de Formación de Actrices e Actores.
“Remata un curso no que o alumnado das Escolas Culturais do Padroado tivo tamén a oportunidade de participar en diferentes eventos organizados tanto dentro como fóra do concello, amosando parte do traballo realizado nestes meses, polo que os quero felicitar, ó alumnado e ó profesorado”, recalcou Ferreiro.