A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos, desprazáronse este mércores, día 25 de maio, a Vigo para asistir á oitava edición da Feira Internacional da Industria Naval de Vigo (Navalia), que se inaugurou o martes 24 e que rematará este xoves 26, no recinto feiral IFEVI de Vigo.
Este encontro internacional do sector naval reúne a máis de medio milleiro de empresas dun centenar de países, entre as que figuran seis asentadas en polígonos industriais de Narón: Gabadi-Isonell, Camuyde, Grupo Fernández Jove, Detegasa, CT Ingenieros e Abance.
Ferreiro asegurou que “é un orgullo estar aquí como representante do Concello de Narón, respaldando o traballo e a traxectoria de cinco empresas da cidade que hoxe comparten espazo na Feira Internacional da Industria Naval con destacadas compañías do sector”.
Ferreiro e Ramos visitaron os stands das seis compañías naronesas, donde conversaron cos seus responsables, e tamén do resto das presentes nesta edición de Navalia. A convocatoria supuxo unha excelente oportunidade para amosar o traballo que realizan estas empresas no ámbito da construción naval, ofrecendo ademais a oportunidade de establecer sinerxias con outras firmas e, ó tempo, de reactivar a economía.
“O sector naval atravesa na nosa comarca uns tempos moi complicados, unha crise que vén de anos atrás e que precisa da implicación das administracións con competencias na materia para atraer novos investimentos que se traduzan en carga de traballo real”, subliñou a alcaldesa.
Ferreiro recordou que “dende o Concello de Narón estamos aquí para felicitar ás empresas de Narón, neste caso do naval, que son as que xunto con outras firmas asentadas nos tres polígonos industriais da cidade fan posible que Narón continúe sendo a día de hoxe un referente e o motor industrial da comarca de Ferrolterra”.
A alcaldesa da cidade agradeceu o convite ó evento e trasladou ós empresarios naroneses os seus parabéns polo seu labor, felicitación que fixo extensiva ós traballadores das citadas compañías.