A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou que o goberno local levará o pleno deste xoves, día 26 de maio, unha modificación de crédito por importe de 2.500.015 euros.
“Trátase dunha contía moi importante que nos permitirá levar a cabo actuacións moi necesarias en diferentes zonas do núcleo urbán e tamén do rural da cidade e que dende o grupo de goberno consideramos prioritarias nas diferentes áreas”, recalcou.
Ferreiro destacou entre as actuacións contempladas a urbanización de viais na Solaina, por un importe de 169.888 euros; melloras en accesibilidade por un importe duns 500.000 euros, como as previstas na estrada de Castela, Cidade Europa, Santa Icía e Virxe do Mar ou no complexo polideportivo municipal da Gándara, no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e outras como unha rampa para o colexio Virxe do Mar, e a pavimentación da plataforma exterior do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz.
A maiores, tamén se contemplan obras como a demolición do antigo cuartel da Garda Civil de Xuvia, 247.727, a ampliación da rede de saneamento en San Mateo, 156.997, melloras en eficiencia enerxética valoradas nuns 140.000 euros, para unha instalación fotovoltaica de autoconsumo no pavillón da Gándara e melloras na estrada de Cedeira, unha senda peonil no camiño de Igrexa a Braña, en Doso, 80.634 euros, o acceso ó muíño de Prados, 48.236.
Campañas dirixidas ó sector comercial e empresarial 57.600, accións para fomentar a inclusión social de determinados colectivos, a elaboración dun estudo sobre as mulleres en Narón, o programa Envellecemento Activo, mellora de xogos e de centros de ensino, un programa de dinamización nos centros cívicos e algúns eventos nas áreas de festas e feiras e mercados están tamén contemplados nesta modificación de crédito.
“Incluímos investimentos en todas as áreas municipais para consolidar certos proxectos que tiñamos previstos e, ó mesmo tempo, incluír outros novos que nos permitan seguir avanzando no modelo de cidade que queremos, definindo o seu futuro”,
asegurou a alcaldesa. Con este obxectivo, indicou, priorizáronse estes investimentos, “para continuar atendendo necesidades da veciñanza a todos os niveis” e recordou que ademais representarán unha fonte de xeración de emprego tendo en conta os contratos para proceder á execución das diferentes actuacións.