Aitor Bouza Manso, Patricia Iglesias Rey e Silvia Longueira Castro, deputados pertencentes ao Grupo Parlamentario Socialista de Galicia, presentaron esta cuestión.
O Grupo Parlamentario Socialista expón que «o inicio do curso escolar en Galicia vén marcado, un ano máis, por numerosas incidencias en materia de transporte escolar, carencia de profesorado, problemas de infraestruturas e unha planificación insuficiente por parte da Xunta de Galicia».
«A educación pública debe ser unha prioridade para calquera goberno, pois é a garantía de igualdade de oportunidades para todos os nenos do noso país. Sen un ensino público forte e de calidade, non é posible asegurar a cohesión social nin o progreso colectivo».
«Nos últimos días, a comunidade educativa do CEIP da Solaina, no concello de Narón, vén denunciando publicamente o grave deterioro das instalacións do centro, especialmente no que atinxe ao estado dos aseos, cualificados polas familias como “baños ancestrais”, evidenciando unha situación impropia dun centro educativo do século XXI».
«As protestas dos pais do alumnado, retomadas recentemente, poñen de manifesto unha realidade de abandono e falta de mantemento que afecta directamente á dignidade do alumnado e ás condicións nas que se desenvolve a actividade educativa».
«Esta situación non é puntual nin recente, senón que responde a unha falta de planificación e investimento sostido en infraestruturas educativas por parte da Xunta de Galicia, que leva anos sen abordar de maneira decidida a renovación e adecuación de moitos centros públicos. A falta de actuacións integrais e a resposta insuficiente ás demandas da comunidade educativa derivan en nstalacións obsoletas, problemas de salubridade e unha evidente perda de calidade no servizo educativo».
«O estado das infraestruturas non é unha cuestión menor, xa que inflúe directamente no benestar do alumnado, no desempeño do profesorado e na calidade do proceso educativo. Garantir espazos dignos, seguros e adaptados ás necesidades actuais debe ser unha prioridade para o Goberno galego».
«Por todo o anterior, resulta imprescindible que a Xunta de Galicia actúe de maneira inmediata para dar resposta ás demandas da comunidade educativa do CEIP da Solaina, así como para establecer unha planificación realista e dotada de recursos que permita evitar que situacións como esta se repitan».
«Por todo o exposto, os deputados que asinan formulan a seguinte pregunta: Ten previsto o Goberno galego incorporar unha partida específica nos Orzamentos da Xunta de Galicia para garantir a rehabilitación integral do CEIP da Solaina? En caso afirmativo, con que contía e en que exercicio orzamentario?»
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
