O Sar, o besbello, os dentes de león, os careixóns e o maínzo

José Fonte Sardiña
Este mes de maio solleiro e caloroso que estamos tendo anímame a camiñar a diario, despois da longa xornada sedentaria, desde Os Tilos ata O Sar, na mellor das compañías. A proximidade do Día das Letras Galegas ―non perdo a esperanza de que un ano destes se lle dedique ao bardo eumés Ramiro Fonte, que ben o merece o noso paisano― e todo o que vexo ao meu paso traen á miña memoria aqueles marabillosos e inesquecibles versos de Rosalía de Castro:Daime vosos perfumes lindas rosas, / da sede que me abrasa, craras fontes, / apagade o queimor… Nubes de gasa / cubrí cal velo de lixeiro encaixe / do ardente sol os briladores raios. / E ti, temprada e cariñosa brisa, / dá encomezo ós concertos misteriosos / antre os carballos da devesa escura, / por onde o Sar vai marmurando leve” (Rosalía de Castro: ‘Do íntimo’, en “Follas Novas”, 1880, citados pola edición de 2001 de Xerais e La Voz de Galicia, que utilizou os textos fixados por Blanca-Ana Roig Rechou en 1990, p. 69).

Ponte do Sar

A andaina comeza, entre carballos, castiñeiros e outros caducifolios que van vestindo cada día máis de verde as súas pólas, espidas no inverno cru, no vello camiño que separa os concellos de Teo e Santiago.

A camiñada continúa polo Castiñeiriño, que deixa ben ás claras, malia os moitos edificios urbanos alí levantados, que Santiago nunca deixou de ser labrego e gandeiro; Lamas de Abade, que nos invita a contemplar o seu xacobeo cruceiro coa imaxe da Piedade vestida de peregrina con Cristo morto no colo; Picaños, que nos presenta un fermoso lavadoiro e varios hórreos; e chega ao barrio do Sar, a súa colexiata, a ponte e as brañas polas que atravesamos a carón do río que lle dá nome ao lugar.

Piedade de Lamas de Abade

Pola mesma senda regresamos a casa.

Picaños

As camiñadas e o contacto coa natureza sempre espertan en min as lembranzas da miña infancia e mocidade no meu querido Pontedeume natal, a ría de Ares, o Breamo ou as Fragas do Eume e todas as lendas que nesas moi amadas terras xurdiron e me aprenderon de neno.

Pontedeume

Un día, comezando a andaina, ao pé da miña casa, onde temos unhas fermosas roseiras, atopei un saltón ou besbello chuchando con devezo o néctar dunha das rosas, que me fixo lembrar as longas tardes de verán no castelo de Andrade, no río Eume ou en Breamo nas que andabamos como tolos detrás deles entusiasmados cos seus enormes saltos e tamén, podédesmo crer, aquela serie de David Carradine que primeiro vira na Televisión Española e anos despois na Galega.

Noutra das nosas camiñadas, atopei tamén un dente de león que me devolveu á miña infancia e espertou en min a irresistible tentación de soprar sobre el e esvaecer a súa branca e espesa melena. Así o fixen e logo, como cando era un neno, non puiden deixar de pensar que non obrara ben destruíndo aquela tea tan xeitosiña.

Dente de león

Nunca vira coma este ano tantos careixóns á beira do camiño. Este saboroso manxar de deuses, que comiamos despois de enfialos nunha herba, lembroume tamén os felices paseos de neno cos meus pais, irmáns, tíos e primos por Doroña, onde os había a moreas, e desde logo, se teño que dicir a verdade, bastante máis substanciosos cós de Santiago; polo menos ese é o meu recordo ao que teño que serlle fiel.

Careixóns

Finalmente, os hórreos, que recollerán en outubro o millo ou maínzo ―que é como nos gusta chamalo en Pontedeume― que estes días se está a sementar nas abondosas leiras que atopamos ao pasar, tamén me transportaron á infancia na vila. Desde a miña casa das Virtudes vía de neno como o plantaban en maio os meus queridos veciños Emérita ―á que todos chamabamos Emerita―, sempre afanosa, simpática, falangueira e agarimosa, e o seu entrañable home Manolo, que me aconsellaba decote, con moita sensatez, bondade e tenrura, que estudase arreo e bouraba sen descanso no terreo que tiñan a carón do fogar.

Hórreo de Picaños

Cantas veces pensei sendo alumno que se eu só levantase a cabeza dos libros como Manolo o facía coa súa do rego non habería exame que se me resistise!

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …