A Festa dos Maios en Pontedeume

José Fonte Sardiña

No prolixo e moi fecundo estudo que Vicente Risco fai na súa obra “Etnografía” sobre as diversas festas que se celebran en Galicia ao longo do ano di que a “dos Maios é a Festa da Primavera, ben sexa da súa chegada, ben do seu triunfo, e é propia de toda Europa, de punta a cabo, tendo lugar, asegún os sitios, nos meses de marzo, abril ou maio. Significa o reverdecer das plantas, o comezo do ano agrícola, a ledicia de ver erguerse o sol por riba do horizonte e coller altura e forza; e ten diferentes formas: árbore de maio, home cuberto de ramallos, armadilla de verduras e flores levada en andias, raíña de maio, parella de maio, cruz de maio, enfeitar as casas con ramallos, espetalos nas leiras, pedimento de gulódice ou diñeiro e outras que iremos vendo” (Vicente Risco: “Etnografía”, en Obras Completas, t. III, Galaxia, Vigo, 1994, p. 604 e 605).

Afirma tamén Vicente Risco que “non estará de máis, así e todo, que lembremos […] que o se facer a Festa dos Maios o día primeiro de mes […] puidera estar en relación co feito de ser ese día cando celebraban os romanos a adicación anual do templo da Bona Dea, chamada Maia, patroa do mes, e en cuxa honra tíñanse as festas chamadas Floralia.
Que remataban o día tres, festas da primavera e das flores” (Idem, p. 617). A Festa da Árbore, celebrada en Pontedeume hai máis dun século ―a foto é do ano 1914―, pode ter bastante que ver con isto que Risco nos conta; neste 2022 celebrouse na vila o vinte e tres de marzo.

Conta Vicente Risco que o maio vivente “que aparece en Galicia é o home ou rapaz cuberto de follatos e flores que leva por nome o Maio. Semella ser propio do norte e o leste da nosa Terra, pois nas outras partes, o maio é unha sorte de pirámide feita de pau e cuberta de verduras e flores, que se leva en andias, o cal pode ser un substituto do maio vivente [que] se atopa ou se atopou ―pois nalgúns lados desapareceu― en Santiago, A Coruña, Pontedeume, Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Lugo, Monforte, Castro Caldelas, O Carballiño, Ribadavia, etc. É un rapaz cuberto de follas e flores, que sae polas rúas en compaña dunha pandilla de nenos ou mozotes, os cales, de tempo en tempo, paran e cantan arredor do Maio cantigas axeitadas, que veñen xa de tradición, e piden as maiolas ou maias, que son castañas secas ou noces, e se cadra, máis modernamente, diñeiro […]. Ía vestido cunha faldamenta e unha esclavina feitas de espadana, fiúncho e lesta, enfiados en cordas e adornadas de flores, e na cabeza un ramo de fiúncho cos rabos para riba e rematados en tres coroas de flores e un florón de  lirios, na man levaba un bordón florido. Os do coro levaban paus e con eles marcaban o compás do canto […]. Ó rematar, o Maio deitase no chan para que lle boten as maiolas por riba e érguese cando lle din o Levántate Maio” (Idem, p. 609, 610 e 615).

En Pontedeume, vila citada por Risco entre as que sacaban os maios viventes, “houbomaios de nenas e nenos, comparsas deles vestidos todos de flores, agás o que os dirixía, e cantando” (Idem, p. 612). Os rapaces bailaban a chamada Danza do Biouteiro, cubertos con ramallos desta árbore, que en galego normativo se chama bieiteiro ou sabugueiro, amarrados con cordas, mentres os compañeiros cantaban: “Déitate Maio, / que tanto durmiches, / pasou o burro / e ti non o viches. / Seresín, seresán, / que de noite virán. / Castañas vimos buscar. // Esta casa caleada / é por dentro de papel, / viva o señor que está nela / e mais a súa muller. / Seresín, seresán, / que de noite virán. / Castañas vimos buscar. // Levántate Maio, / que tanto durmiches, / pasou o burro / e ti non o viches. / Seresín, seresán, / que de noite virán. / Castañas vimos buscar”.

Noutros lugares, segundo di Vicente Risco, “o maio xa non é un rapaz vestido, senón un armadillo de pau cuberto de follateira e de flores, levado en andias ou padiolas, que pousan no chan para cantaren, meténdose debaixo o director ou guía do coro, o cal canta primeiro el só cada estrofa, e logo repítena os da pandilla […]. A armadilla é de pau, e por riba soen pórlle, polo menos modernamente, tea de sacos (arpilleira) para asegurar nela o musgo tradicional que recobre todo, e enriba do musgo póñenlle algunhas flores e espadanas. No cumio, o maio leva unha cruz e, ás veces, debaixo vai unha campaíña” (Idem, p. 617). A cruz ía sempre sen Cristo encravado, polo que en Pontedeume se cantaba para pedir cartos: “Santa cruz de maio, / ¿qué haces ahí? / Esperando a Cristo / que viene ahí. // Toma la bandeja / que te echen cuartos / para los adornos / que cuestan los cuartos”.

Na vila de Pontedeume, consonte recolle o mestre Pepucho Paz Fernández, “como verdadeiros maios eran considerados os que constaban na súa feitura de varas, facendo arcos, cubertos de mirtos e flores, e case todos eles levaban penduradas laranxas bravas. Veu alterar este xeito de facer os maios a construción de maquetas cubertas de flores e follas, representando variados motivos locais, que pouco a pouco foron pasando a primeiro plano, deixando relegados os tradicionais […]. Os maios eran levados por catro nenos, vestidos coas súas mellores roupas, coma se fosen levando unha imaxe relixiosa, e debaixo […] ía outro neniño, que sempre era o máis pequeno de todos […]. Nas súas mans levaba unha bandexiña” (Xosé Paz Fernández: “Cancioneiro Popular Eumés (Festas anuais)”, Pontedeume, 1994, p. 104).

De porta en porta, aínda hoxe, paran na vila para cantar as cancións tradicionais e pedir unha esmola ou aguinaldo, que se deixa na bandexa. Entre outras moitas cantigas estaba esta: “Angelitos somos, / del cielo venimos, / bolsillos traemos, / dinero pedimos. / Angelitos somos, / del cielo bajamos, / bolsillos traemos, / dinero buscamos. // Aunque soy de mayo / también traigo flores / y a mis compañeros / los trato de señores. / Aunque soy de mayo / también traigo dientes / y a mis compañeros / los trato de valientes”.

Na nosa lingua tamén había outra, recollida por Xosé Paz Fernández, que conta que lla deu Carmen Sarmiento, que dicía: “Xa chegou o maio / da nosa Mariña, / maio namorado / do mar e a andoriña. / Chegou desde lonxe, / acollédeo ben, / nesta nobre vila / de Galicia edén” (Idem, p. 113 e 114).

Outra celebración moi importante no primeiro de maio eumés é a das Primeiras Comuñóns.

Ademais, nesa data, que ten por padroeiro a san Xosé Obreiro, o mundo, e Galicia non é, naturalmente, unha excepción, celebra o Día Internacional dos Traballadores, con manifestacións en defensa dos dereitos laborais nas súas principais cidades.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …