Programa municipal “N de Narón, a festa das Letras”

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou este mércores, día 27 de abril, xunto coas edís de Ensino, Mercedes Taibo, e Festas, Natalia Hermida, unha nova edición do programa municipal “N de Narón, a festa das Letras”

A rexedora local destacou a programación que se desenvolverá un ano máis para conmemorar o vindeiro 17 de maio o Día das Letras Galegas, adicado este ano a Florencio Delgado Gurriarán con propostas ó longo de toda a xornada para público familiar, de balde, na praza da Lectura, nas Vivendas da Mariña (Santa Icía)

A maiores dos espectáculos e do obradoiro programados, haberá na zona un espazo de lectura con publicacións en galego de autores e autoras homenaxeados no Día das Letras Galegas e outro de venda das librarías locais Day e Pasapáxina

A primeira cita será ás 12, cun espectáculo de contos e canción, “Diferentes diferenzas”, a cargo de Silvia Penide. O primeiro libro de Penide é un canto á diversidade, no que se transmite a importancia de valorar, respetar e admirar ás persoas, animais, cousas… e ofrece tamén a posibilidade de que os  nenos aprendan palabras básicas en lingua de signos.

A continuación, ás 12.45 será o turno de Xarope Tulú, que trae a Narón nesta ocasión unha proposta de teatro interactivo, “Rilla, Rilla”. Un espectáculo creado para aprender galego, moi dinámico para que o público interactúe e donde as crianzas e as familias serán os protagonistas.

As actividades do Día das Letras Galegas continuarán pola tarde, ás 16.00, cun obradoiro de pintura sobre cartón reciclado, denominado “Obradoiro das Efémeras”. Está aberto á participación das crianzas que se acheguen, que poderán confeccionar as súas propias ás con pintura e cartón reciclado, entre outros materiais.

A música e os contacontos protagonizan a segunda proposta da tarde, a partir das 17.00 horas, con Jara Ortiz, baixo o título “Lúa triangular”. Unha rapaza chamada Marta e unha píntega, de nome Oli, viaxan xuntas ó Mundo dos Contos, donde viven varias aventuras e transformarán o mundo nun lugar cheo de diversidade e xustiza, coñecendo a protagonistas de contos populares como Branca de Neve ou Carapuchina Vermella.

Ás 17.45 horas dará comezo o espectáculo “A ovella Engracia”, con narración oral e música de Aldaolado. Á ovella gustaríalle saber a onde vai a lúa cando sae de noite e por iso decide escapar unha noite e andar tras dela. Nesa viaxe, Engracia aprenderá a confiar en si mesma, a vencer os seus temores e a non perder a curiosidade, converténdose ademais na primeira ovella contadora de historias do mundo.

A programación do Día das Letras Galegas rematará co concerto de As Efémeras, que dará comezo ás 18.45 horas.

Dende o Concello animaron ós veciños a sumarse ás diferentes propostas coas que se conmemorará esta festividade, con propostas lúdicas e ó mesmo tempo didácticas que porán en valor a nosa lingua e a cultura en xeral

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …