O Concello de Narón adxudicou as obras da segunda fase da senda peonil e ciclista que enlazará os paseos de Freixeiro e Xuvia, entre a avenida Miguel de Cervantes, nas inmediacións do cemiterio do Cadaval, e a rúa Conde de Fenosa.
Así o indicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que explicou que o contrato se adxudicou á empresa Xestión Ambiental de Contratas por un importe de 424.526 euros. En total o Concello recibiu cinco ofertas, sendo a anteriormente citada a que obtivo maior puntuación.
“A adxudicación destes traballos permitirá dar continuidade á actuación que está xa en execución na primeira fase desta senda, entre a avenida Conde de Fenosa e o muíño das Aceas, e que se cofinanciará nese caso con cargo a fondos europeos do Plan Feder, cun investimento de 580.000 euros, mentres que a segunda se sufragará íntegramente con cargo ás arcas municipais”
O proxecto contempla, nesta segunda fase, dúas actuacións complementarias e diferenciadas, a senda peonil, cun ancho na súa meirande parte duns catro metros, pavimentada cun firme natural, entre a rúa Conde de Fenosa e a avenida Miguel de Cervantes, e un área estancial próxima á rúa Conde de Fenosa, con acceso tamén dende o Camiño de Cornido a través dun vial xa existente.
A segunda fase da senda ocupará uns 22.000 metros cadrados de superficie e unha área estancial de 5.000 metros cadrados na que se instalará mobiliario (mesas, bancos, papeleiras, pérgola) e se dotará doutros servizos como iluminación e abastecemento. “O proxecto permitirá recuperar terreos que ata agora estaban abandoados na súa gran maioría, localizados nas inmediacións do río Freixeiro, para revitalizar esa zona da cidade e gañar máis espazo público para uso e disfrute da cidadanía”, apuntou Ferreiro.
Na fase en execución estanse habilitando outros 22.000 metros cadrados de senda e contará cun área estancial, tamén dotada de mobiliario e outros servizos, duns 15.000 metros cadrados, tal e como recordou a alcaldesa da cidade. En canto ao acondicionamento ambiental, nas dúas fases do proxecto plantaranse “aligustres de Xapón” ó longo de todo o paseo e nas áreas estanciais, donde tamén se sementará céspede.
“O goberno local impulsa con este ambicioso proxecto unha actuación integral para poñer en valor o patrimonio natural e cultural da cidade, recuperando a zona para usos públicos amables co medio ambiente” subliñou a alcaldesa
Ferreiro incidiu en que “en total, investirase algo máis dun millón de euros para habilitar preto de 45.000 metros cadrados de senda peonil e ciclista nun entorno único, creando un gran espazo verde na marxe dereita do río Freixeiro que permitirá chegar dende Freixeiro a Xuvia disfrutando da paisaxe dese tramo”.