Conmemoración do Día Internacional do Libro en Narón

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, presentaron este xoves, día 7 de abril, os actos programados polo Concello de Narón con motivo do Mes do libro.

O longo deste mes desenvolveranse tanto na Biblioteca municipal como na Axencia municipal de Lectura da Gándara varias propostas dirixidas a públicos de todas as idades, ós que convidaron a participar, con motivo do Mes do libro, que culminará cun acto central o propio Día do Libro, o 23 de abril.

Este mesmo sábado, tal e como avanzaron, ás 11.00 horas levarase a cabo unha actividade multidisciplinar, “Opré Romá!”, dirixida a menores a partir de 4 anos e que ten como finalidade dar visibilidade e desestigmatizar o pobo xitano, na procura de acadar a plena integración do colectivo na sociedade. Para poder asistir a esta proposta, deseñada tamén con motivo dos actos do Día Internacional do Pobo Xitano, é preciso inscribirse previamente.

A programación continuará a vindeira semana, o luns, martes e mércores, cando se celebrarán dous obradoiros creativos. Na primeira xornada realizarase o que leva por título “Un libro na parede”, para elaborar un boneco lector decorativo, na Biblioteca municipal, o martes a actividade trasladarase á Axencia de Lectura da Gándara e o mércores será de novo na Biblioteca, coa proposta en ambos casos que consistirá en realizar marcapáxinas. Nestes tres casos os obradoiros, que tamén requiren inscrición previa e dirixidos a menores a partir de 4 anos, comezarán ás 11.30 horas.

Outra das propostas, que se desenvolverá tanto na Biblioteca como na Axencia de Lectura da Gándara, é “Trocolibro” e levarase a cabo nos dous casos do 18 ó 23 de abril. Entre esas datas, as persoas usuarias da Biblioteca que o desexen poderán participar nesta actividade de intercambio de libros, para o que se instalarán mesas tanto na Biblioteca como na Axencia de Lectura, co fin de que leven algún libro desa mesa independentemente de se deixan algún a cambio ou non. O límite de libros a donar ou levar por cada persoa é de un, tal e como se indicou.

As visitas guiadas ás instalacións da Biblioteca, o xoves 21 ás 18.00 horas e o venres 22 ás 11.00 horas e á Axencia de Lectura da Gándara, o venres 22 ás 17.30 horas, forman tamén parte da programación do “Mes do libro”. Trátase dunha proposta dirixida a persoas de todas as idades, deseñada co fin de dar a coñecer estas instalacións municipais e tamén os servizos que prestan ó longo do ano.

No caso da Biblioteca os asistentes percorrerán as catro plantas: a do soto, donde están a sección infantil, a bebeteca e a sala de exposicións; a planta baixa, coa hemeroteca, sección de información e referencia, de audiovisuais e xuvenil; a primeira planta, donde se localiza a sección de adultos e o arquivo de depósito de libros, e a segunda, as materias de sección de adultos, sala de usos múltiples e de informática.

Nas visitas á Axencia de Lectura da Gándara tamén se poderá coñecer a Aula de informática da Casa da Mocidade e os servizos que alí se prestan. Farase unha mención especial á sección de xogos de mesa, que poderán probar os asistentes e levalos en préstamo, e á colección especial de cómic manga que tan excelente acollida ten entre a cidadanía.

Para acudir a estas visitas será preciso inscribirse previamente, presencialmente ou chamando por teléfono ó número 981 382 173 podendo facelo para ambas instalacións a partir do 18 de abril ás 9.30 horas

O acto central programado con motivo do Día do Libro, o 23 de abril, será unha sesión de contacontos para menores a partir de 3 anos: “Cantos, contos e outras animaladas”. A proposta consistirá nunha revisión dos contos de animais da nosa infancia, convertidos en historias actuais cheas de amor e humor. Neste caso as inscricións poderán realizarse a partir do 19 de abril ás 16.00 horas

Lea también

Narón acollerá ‘Entreterras’, o novo directo de SonDeSeu

A primeira cita con Entreterras será o 24 de maio no Teatro Afundación de Vigo, …