Homenaxe a Rosalía o 23 de febreiro en San Sadurniño, nova data oficial do seu nacemento

Achégase a celebración do aniversario do nacemento de Rosalía Castro nai do Rexurdimento e avanzada ó seu tempo pola mensaxe de empoderamento feminino e social que zumega a súa obra. Ata hai pouco críase que a escritora de Iria Flavia viñera ó mundo un 24 de febreiro, pero un estudo da investigadora Sagrario Abelleira dado a coñecer hai escasos meses evidenciou que a data real foi o 23 de febreiro de 1837. 

Un cambio na data oficial aceptado pola fundación que leva o seu nome que, porén, non altera a maneira de celebrar a súa figura, que en San Sadurniño se fará dedicándolle toda unha mañá á súa poesía.

O aniversario do nacemento de Rosalía celebrarase cunha exposición na galería da Casa do Concello de San Sadurniño, que poderá visitarse até finais de mes. Porén, o día 23 de febreiro o patio interior da casa consistorial acollerá unha lectura libre de poemas que ela nos deixou como legado cultural e símbolo do Rexurdimento da nosa lingua na literatura.

A concellaría de Cultura convida a participar a toda a veciñanza, ás entidades e ó alumnado e profesorado do CPI, a quen xa se lle remitiu o convite oficial para o evento.

Quen queira pasar por alí e ler unha das poesías rosalianas só terá que chamar ó 616 332 919 para que lle confirmen o horario aproximado dunha cita que se desenvolverá entre as 11 e as 13:00h. Ademais, a iso das 12:00h tamén está prevista unha interpretación do poema «No bico un cantar» a cargo do grupo de Cantos de Taberna.

Máis maneiras de homenaxear a Rosalía

Canda esta cita prevista polo Concello, a Fundación Rosalía de Castro tamén fai o seu propio chamamento á participación nas homenaxes á escritora despois de que o pasado outubro  trascendese o resultado dunha nova investigación sobre a súa vida.

O dato máis destacado foi a confirmación de que, efectivamente, Rosalía naceu o 23 de febreiro de 1837, tal e como constatou Sagrario Abelleira tras atopar no Arquivo Diocesano de Madrid o expediente do seu matrimonio con Manuel Murguía.

Na documentación tamén se reflicte que ambas figuras do Rexurdimento se comprometeran un ano antes de casar e entre os papeis aparece unha declaración notarial asinada por Teresa de Castro en xuño de 1843 manifestando explicitamente ser a nai da escritora, o que viría confirmar «que é unha nai solteira que non abandona a sua filla nunca, que existe un vínculo entre nai e filla que resiste o paso do tempo», segundo lle declarou o presidente da fundación, Anxo Angueira, ó xornal Nós Diario.

Esta descuberta ofrece unha nova visión sobre a biografía da autora nada en Conxo e criada entre Ortoño e Padrón, pero non muda a interpretación da súa envergadura literaria e como figura clave do rexurdimento da nosa lingua, así como tampouco o innegable contido feminista e de denuncia social de boa parte da súa obra.

A Fundación Rosalía de Castro volve insistir este ano en que se aproveite para ler a súa obra e propón de novo accións individuais que se multipliquen a través das redes sociais, entre elas facer o Caldo de Gloria, unirse á Alborada para Rosalía ou participar nos actos centrais organizados para o 23 de febreiro.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …