O cómico Joaquín Reyes protagonizará este venres, día 4, no Pazo da Cultura de Narón, a comedia “Festejen la broma”.
A compañía Tertulia Producción trae á cidade este espectáculo, de algo máis dunha hora de duración e que dará comezo ás 20.30 horas. O prezo das entradas é de 24 euros no patio de butacas; de 20 no primeiro anfiteatro e de 18 euros no segundo anfiteatro, podendo adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es
Joaquín Reyes presentará no Pazo un espectáculo de humor preparado con gran esmero para deleite do seu público e daquelas persoas que desexen acudir para desfrutar dun humor intelixente. Reyes mantén a frescura do seu inicio na profesión, botando man da ironía, ideas “relocas” e cantigas nihilistas.
Na xornada do domingo, día 6, será o turno do público familiar e infantil, coa comedia “Tarzán”, de Mar Mar Teatro. Ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura, poderase ver este espectáculo, dunha hora de duración e que fará que o público viva un novo día de caza na selva africana.
Entre tantos ruxidos, de súpeto chega o silencio que interrompe o pranto dun neno, ó que se achegan os grandes monos e curiosos e que decide adoptar Kala, a quen lle morrera recentemente a súa cría. Despois de 25 anos, Lord Greystcke VIII, un nobre inglés, liberou ós animais do zoo da cidade e tentará convencer a un psicoanalista de que aquel recentemente nado era el.