O luns, dez de xaneiro, ás 20.00 h., na Casa da Cultura de Pontedeume, o
colaborador de Galicia Ártabra, José Fonte Sardiña, presenta na súa vila natal o libro “Lendas das Terras do Eume”, coeditado polo Concello de Pontedeume e a Universidade de Santiago de Compostela, na colección Biblioteca de Divulgación Serie Galicia.
Nesta obra, José Fonte Sardiña recolle vinte e cinco relatos baseados en lendas etiolóxicas, históricas e haxiográficas contadas de xeración en xeración nas terras que baña o Eume, desde o seu nacemento na serra do Xistral ata a súa desembocadura no golfo Ártabro, e que transcorren en diferentes períodos históricos que van desde a creación do mundo ata a actualidade, aínda que a meirande parte teñen como referencia a Idade Media.
Participarán no acto, ademais do autor, o escritor e xornalista Ramón Loureiro, a
catedrática de Ensino Secundario Esperanza Piñeiro de San Miguel, o director do
Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela Juan Blanco
Valdés e o alcalde de Pontedeume Bernardo Fernández Piñeiro.
José Fonte Sardiña
José Fonte Sardiña (Pontedeume, 1964). Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, foi profesor no IES As Lagoas de Ourense. Supervisor editorial e corrector de probas para diferentes entidades públicas e privadas ( como parte, por exemplo do Plan Xacobeo), foi tamén comisario da exposición «Unha mirada a Pontedeume desde os ollos de Ramiro Fonte».
Na súa faceta de tradutor, salienta a versión castelá de «Ella encuentra un nombre» de Manuel Lourenzo, así como as versións en galego da obra «Museo da Catedral de Santiago», do catálogo da exposición «Domus Iacobi. A historia da Catedral de Santiago», varias edicións da revista «Ad límina» e de actas de congresos do Consello da Cultura Galega.
Como investigador obtivo dous anos consecutivos a Bolsa de Investigación sobre o Camiño Portugués e o Camiño Inglés da Asociación de Cámaras de Comercio Camiños Xacobeos, e foi o gañador do XIV Premio de Investigación Concello de Pontedeume (2011).
É de máis de setenta entradas da Gran Enciclopedia del Camino de Santiago. Diccionario de la cultura jacobea, colaborador na revista Cátedra e no xornal Galicia Ártabra Digital e mantén o seu propio blog «Crónicas dun fillo de Pontedeume«