A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, reuniuse o mércores, día 10 de novembro, coa xefa territorial de Medio Ambiente na Coruña, Cristina Carrión, para abordar as previsións da Xunta de Galicia para o control das especies invasoras, ó ser esta área de competencia autonómica.
Na visita Ferreiro estivo acompañada polo edil de Medio Ambiente, Santiago Galego. Ferreiro ofreceu a colaboración da administración local para solventar os problemas derivados tanto da proliferación da herba da pampa na cidade e outros como as numerosas colonias de xabarís ou os gansos do Nilo no Río Xuvia.
A rexedora local recordou que un profesional do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) impartiu a pasada semana unha charla no local social do Alto do Castiñeiro sobre “Especies exóticas invasoras”.
A iniciativa, aberta á asistencia da cidadanía en xeral, organizouse coa finalidade de informar das especies que causan danos ó medio ambiente, facendo especial fincapé na “herba da pampa” e as acacias. “O que quixemos foi incidir na importancia da erradicación destas especies, que se estenden con gran facilidade, polo que se abordaron as medidas de control das mesmas da man dun profesional nesta materia”, apuntaron Ferreiro e Galego.
Dende o Concello de Narón, tal e como trasladaron os representantes do goberno local, estase traballando actualmente na elaboración dun mapa no que figurarán as zonas máis afectadas por especies invasoras no termo municipal, maioritariamente pola “herba da pampa”. Na reunión interesáronse polas medidas que porá en marcha a Xunta nesta área e non só a nivel de control, senón tamén de xestión dese tipo de residuos.
Ferreiro recordou que o pasado mes de febreiro a corporación local aprobou por unanimidade no pleno adherirse á estratexia trasnacional de “Lucha contra la cortaderia selloana”, a través dunha iniciativa enmarcada no proxecto Life Stop Cortaderia, financiado pola Comisión Europea.
En marzo a alcaldesa asinaba a carta coa que se oficializaba esa adhesión, asumindo unha serie de compromisos que se están levando a cabo na cidade. Entre eles están os de realizar labores de investigación, comunicación, formación e sensibilización para avanzar de cara á erradicación desta especie invasora con gran presencia en determinadas zonas, públicas e privadas do termo municipal.
Así mesmo, no transcurso da xuntanza tamén plantexaron os problemas derivados da proliferación de xabarís, maioritariamente na zona rural pero tamén na urbana. A rexedora local apuntou que o que se solicita á Xunta é que coordine o xeito para poder colaborar. Dende o Concello incidiuse en que a situación estase agravando debido a que cada vez son máis os exemplares que se poden ver no termo municipal e pediu a implicación da Xunta.
Na reunión tamén se reiterou a existencia de gansos do Nilo no río Xuvia, unha especie considerada invasora en España por constituír unha ameaza para outras especies autóctonas e tamén para os ecosistemas. Ferreiro recordou que dende o Concello xa se trasladou en varias ocasións por escrito a Medio Ambiente esta problemática, que tamén urxe unha solución. Ante a situación a representante de Medio Ambiente comprometeuse á súa retirada de xeito “inminente”.
“Todos estes problemas estanse agravando co paso do tempo na cidade e o que queremos é ofrecer a colaboración á Xunta, que ten as competencias nestas materias, para que canto antes se poidan solventar”, subliñou Ferreiro